Declaración institucional da Xunta pola celebración do Día da Internet

sábado, 17 de maio do 2014 Redacción

Co gallo do Día Internacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, tamén coñecido como Día da Internet, que coincide coa celebración das nosas Letras Galegas, a Administración autonómica publicou unha declaración institucional:

Hoxe, Día de Internet, é imposible imaxinar un mundo offline. Os últimos datos da Unión Internacional de Telecomunicacións o corroboran, máis de 3.000 millóns de persoas, o 40% da poboación mundial, emprega Internet habitualmente, as redes sociais concentran máis de 1.500 millóns de usuarios e o 84% dos habitantes dos países desenvolvidos dispón de banda larga móbil.
O acceso a Internet avanza cara ao que se denomina «Internet das cousas», no que multitude de obxectos cotiáns serán capaces de recibir, xerar e transmitir información. Estímase que en 2020 haberá máis de 50.000 millóns de obxectos conectados a internet, catro veces máis que agora. En poucos anos esta será unha das estruturas máis complexas que a humanidade teña creado.
As TIC ofrécennos a súa capacidade transformadora e o seu potencial para evolucionar e cambiar o noso modo de vivir e traballar e para abordalo dun xeito sostible. As Smart Cities son un dos expoñentes máis destacados de como xestionar de forma máis eficiente o noso futuro, a través da aplicación extensiva e intensiva das Tecnoloxías da Información e a Comunicación aos servizos públicos.
A interconexión entre os diferentes niveis administrativos e os sistemas de xestión do tráfico, da subministración e consumo de enerxía, de auga ou de seguridade cidadá, entre outros moitos, está xa a facilitar o intercambio de información e a toma de decisións e actuacións en tempo real, o que redunda en cidades máis sostibles e ecolóxicas.
Para posibilitar todas estas solucións é necesario aumentar a penetración de Internet de banda larga nos fogares. Ese é o obxectivo do Plan Banda Larga da Xunta, que está a facilitar o acceso a Internet de calidade a todos os galegos a través de diferentes tecnoloxías, mellorando tanto a cobertura coma a capacidade para que dean uso dos novos servizos.
A banda larga é a columna vertebral sobre a que se desenvolven os novos servizos da sociedade da información. Está a facer posible novas modalidades de traballo intelixente, como o teletraballo ou a telepresenza, que contribúen a reducir os desprazamentos, facilitan a conciliación da vida familiar e laboral, a mellora do medio ambiente e contribúen a frear o despoboamento da contorna rural. Está contribuíndo, tamén, a afrontar o reto do envellecemento da poboación desde o fogar, grazas a implantación das TIC no eido sociosanitario.
Internet é chave na nova forma de relacionármonos coa Administración. Resolver xestións coa administración sen límites de tempo e espazo é unha realidade. Estamos a transformar as aulas tradicionais en dixitais e modernizando a Xustiza.
Todas estas medidas e actuacións forman parte da estratexia 2014.gal, que a Administración autonómica puxo en marcha en 2010 e que encamiña agora a súa recta final e o momento do balance. Abordamos unha nova etapa, a de definir unha nova folla de ruta co horizonte 2020 para consolidar os logros acadados, reconducir os obxectivos pendentes, e afrontar os retos tecnolóxicos que nos formula Europa.
A innovación é a forza que hai detrás do crecemento, do avance, e para iso é necesario transformar procesos, produtos, servizos, sectores xa consolidados, para progresar todos. O futuro está cheo de oportunidades e o futuro de internet non fixo senón comezar.

PUBLICIDADE