Declaración institucional da Xunta de Galicia co gallo da conmemoración do Día de Internet

martes, 17 de maio do 2011 Redacción

Hoxe, 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas os galegos celebramos tamén o Día de Internet, unha xornada para difundir as posibilidades que brinda a Rede as tecnoloxías da información e das comunicacións, e tamén unha ocasión para lembrarnos os retos que temos por diante neste ámbito.
Internet supón un importante impacto na economía española achegando de forma directa 23.400 millóns de euros ao PIB e sendo un factor de transformación da sociedade. A Rede contribúe a facilitar o día a día dos cidadáns coa implantación de novos servizos, como a administración electrónica, o comercio electrónico e outros servizos dixitais aplicados á educación e á sanidade. Ademais, as redes sociais revolucionaron a forma de interacción entre as persoas servindo de ferramenta para a divulgación de coñecemento e de cultura facendo o mundo máis próximo.
O Goberno galego ten entre as súas prioridades que Galicia se integre de xeito definitivo na Sociedade da Información e para conseguir este obxectivo elaborou unha estratexia tecnolóxica totalmente transversal, 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a primeira folla de ruta coa que conta a Administración para integrar as TIC en todos os ámbitos da sociedade.
Entre as liñas de actuación da Axenda Dixital de Galicia as infraestruturas de telecomunicación representan un papel esencial, posto que constitúen o canal de acceso de cidadáns e empresas aos novos servizos tecnolóxicos avanzados. A extensión de redes de telecomunicacións modernas e sustentables contribúe á mellora de produtividade e innovación das nosas empresas incrementando a competitividade, a calidade de vida dos cidadáns e, por tanto, a transformación de Galicia a través da economía baseada no coñecemento e a innovación.

Alberto Núñez Feijoo e Mar Pereira nunha xuntanza con representantes do Cluster TIC

A través do Plan Banda Larga 2010-2013, comezan a materializarse estes obxectivos estendendo as redes para levar a banda larga a todos os galegos, tratando de eliminar a marcada fenda dixital e garantindo un servizo de internet de calidade por enriba do definido no servizo universal da Lei de Economía Sostible. A día de hoxe e grazas ao Plan da Xunta, xa se reduciu en máis dun terzo a poboación de Galicia sen cobertura de banda larga, quedando aínda por diante tres anos de traballo para chegar ao obxectivo do 100% dos galegos con acceso á Rede.
Ademais, o novo reparto máis eficiente do espectro radioeléctrico iniciado polo Goberno Estatal, axudará a facilitar o acceso á Internet de calidade nas zonas rurais a través de comunicacións de banda larga en mobilidade, comunicacións que levan unha marcha imparable e que se prevé que sexan o acceso á banda larga maioritario a nivel mundial no ano 2014.
Con todo, o reto asumido por Galicia, esixente pero alcanzable, é competir no novo mercado único dixital europeo, traballando na converxencia con Europa e mantendo a aliñación coa Axenda Dixital Europea, na que cobran especial relevancia as redes de nova xeración que permiten velocidades de cando menos 100Mbps e que establece como obxectivo que no ano 2020 a metade dos europeos dispoñan de acceso a este servizo. O Goberno galego a través do Plan Banda Larga está a incentivar o despregamento destas redes símbolo de innovación, co fin de situar a Galicia entre as rexións de referencia ao posibilitar, xa no ano 2013, o acceso a redes de nova xeración a case a metade dos galegos.
Son nestas redes de nova xeración nas que se asentan novos servizos innovadores e diferenciais como poden ser servizos de computación na nube ou os servizos e dispositivos no ámbito do fogar, como o chamado Fogar Dixital. Este novo concepto de Fogar Dixital mellorará a calidade de vida nos fogares galegos no eido da eficiencia enerxética, da seguridade, da accesibilidade e incluso do lecer e do entretemento, a través da converxencia de servizos, infraestruturas e equipamentos.
Neste marco, co fin de adaptar as vivendas ás novas redes constituídas maioritariamente por fibra óptica, creouse recentemente un novo marco regulatorio estatal e no que ademais se establece unha clasificación dos Fogares Dixitais que se presentan como unha escenario imprescindible no futuro. Neste ámbito, a Xunta de Galicia pretende ser un referente, a través da iniciativa de impulso ao Fogar Dixital enmarcada na Axenda Dixital de Galicia.
O vindeiro desafío para Internet é a transición cara un novo esquema no que os obxectos cotiás estean identificados e conectados á Rede e no que os novos servizos e aplicacións non serán só para usuarios senón para todo tipo de dispositivos, avanzando cara un mundo totalmente interconectado coñecido como o Internet das Cousas. Para afrontar estes retos Galicia xa está inmersa nunha estratexia dixital de futuro para os galegos.

PUBLICIDADE