Decálogo para que os autónomos usen software libre

martes, 29 de marzo do 2011 Raquel Noya

A mediados deste mes de marzo tivo lugar en Zaragoza o Primeiro Congreso Nacional de Software Libre no Traballo Autónomo, que se celebraba con vistas a achegarlle as vantaxes das ferramentas tecnolóxicas abertas aos profesionais autónomos de todo o Estado, para a mellora, entre outras cousas, da súa xestión empresarial e tamén, xa de paso, do seu peto.
Froito dos traballos desenvolvidos neste primeiro congreso, os profesionais do sector elaboraron un decálogo que mostra as principais razóns polas que os autónomos deberían optar polas tecnoloxías libres, que se pode descargar totalmente de balde na web de CENATIC.
Como adianto a este documento, Sebastián Reyna, presidente de UPTA, afirmou que “o uso do software libre aporta no día a día do autónomo unha meirande produtividade e competitividade, mellores rendementos nos seus procesos de tratamento da información, non só no seu funcionamento interno ou con outras empresas, senón tamén na súa relación coa administración”.
Tampouco faltou ao evento o director xerente de CENATIC, Miguel Jaque, quen na súa intervención resaltou as vantaxes que o software libre xera en canto a produtividade e eficiencia tecnolóxica. Jaque asegurou que “o que o software libre lle ofrece aos autónomos é unha tecnoloxía de calidade constrastada e garantizada pola satisfacción dos seus usuarios, que acada o 80 por cento”.
O decálogo elaborado por CENATIC achega as dez principais razóns para que os autónomos usen software libre, entre as que destacan, non só o aforro económico en materia de licenzas e a súa renovación, senón tamén o feito de que son tecnoloxías máis accesibles, de máis calidade e máis completas, conservando a súa independencia tecnolóxica.

PUBLICIDADE