Dans fala en Compostela da Rede imparábel e do potencial das comunidades en liña

martes, 21 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

O coruñés Enrique Dans nunha foto recente de Emprendores.es

O galego Enrique Dans estivo o pasado 10 de xuño no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago para achegar unhas cantas ideas de valor sobre un inevitábel proceso que a todas e todos nos colle de cheo, sempre e cando queiramos estar na contorna da vangarda comunicativa e empresarial: a adaptación aos novos escenarios da comunicación e o coñecemento. A súa intervención, inserida no ciclo de charlas sobre liderado e tecnoloxía que organizou o CPEIG, desenvolveuse perante a imaxe dun policía termando da máscara de V de Vendetta, obxecto aparecido no fogar dun dos acusados de levar a cabo ataques informáticos ao acubillo de Anonymous. Non foi casualidade esta presentación, xa que unha boa parte da charla de Dans xirou arredor da natureza das redes sociais e das comunidades que se forman a partir delas, colectivos de todo índole e, algúns deles, directamente encamiñados a atacar o lado máis corrupto do sistema.
Ao fío de Anonymous, un exemplo da vertente máis combativa, Enrique Dans amosou a súa desconfianza sobre o seu suposto desmantelamento: “Como poden dicir que detiveron á cúpula deste grupo se é unha agrupación sen líderes nin xerarquía, na que todos somos Anonymous”, comentou o profesor do IE Business School ao longo do seu relatorio, unha charla que recolleron polo miúdo medios como Xornal.com, e que proseguiu con cifras para poñérmonos en materia. Cifras sobre o medre de Internet nos últimos tres lustros. “En 1996”, comentou, “eran 45 millóns de usuarios lendo, pero moitos menos publicando, só había 250.000 sitios; en 2006, os usuarios chegaron ao billón e as webs roldan os 8.000 millóns”. Ao seu xuízo, non queda dúbida de que estamos perante algo incontrolábel, con todo o negativo e con todo o (moito) positivo que achega, unha case total liberdade de expresión, comunicación e mobilización que mesmo foi quen de pór en xaque réximes políticos autoritarios que moitos de nós xa criamos eternos.
Retomando o fío de tódalas cousas que podemos facer para tirarlle o máximo partido á Rede en materia de promoción e impulso, Dans non quixo deixar pasar a oportunidade de destacar o papel despregado por Google, unha empresa que ve aos internautas e ás empresas como materia prima e que permite empregar os seus servizos a cambio de que lle contemos que páxinas son as que máis nos gustan e cales non, datos que logo son o seu produto para vender.

PUBLICIDADE