Daniel Seijo impartirá este xoves na Coruña un relatorio sobre o poder de promoción e comunicación dos blogs

mércores, 6 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Daniel Seijo (á dereita) participando nunha mesa redonda durante o encontro B-web de 2011

Este xoves 7 de febreiro temos unha cita cos segredos das bitácoras en liña e os múltiples xeitos de tirarlles partidos para incrementar e ampliar a nosa comunicación cos demais, e a dos demais connosco. O encontro será na Coruña, en San Pedro de Nós, na sede do Campus IFFE (Instituto de Formación Financeira e Empresarial), a partir das 19 horas. Trátase, máis polo miúdo, dunha actividade divulgadora e formativa que contará coa presenza, en labores de relator, do blogueiro e experto en edición dixital Daniel Seijo, responsábel entre outras cousas de desenvolvemento de negocio en Diario Motor, canle da que é fundador.
Asemade, podemos ver as súas achegas na web Motorpasion.com, na que colabora arreo. Lembrar tamén que Seijo, enxeñeiro técnico en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña, é responsábel do blog El agujero de gusano, posto en marcha alá polo 2003 e hoxe aínda en activo e facendo gala do que dixemos ao comezo deste texto: un aproveitamento integral e activo do formato da bitácora en liña para “comunicar de xeito máis próximo, amplo e dinámico”, sinala Seijo. As temáticas a tratar na cita deste xoves son as seguintes: historia dos blogs e das redes sociais, blogs como ferramentas de promoción e estado actual e tendencias de futuro.

PUBLICIDADE