Dan a coñecer aos gañadores dos concursos de debuxos e microrelatos da Estratexia Dixital de Galicia 2030

mércores, 4 de marzo do 2020 Redacción

A AMTEGA vén de publicar os gañadores dos concursos de debuxo e microrrelatos lanzados o pasado mes de decembro para contar coas achegas dos máis novos no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030. Estes certames congregaron a participación de 42 centros educativos das catro provincias galegas e contouse coa implicación de máis de 50 docentes que desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, entregando 333 traballos (213 debuxos e 120 microrrelatos).
Na fase de votacións os internautas podía darlle o seu gústame ás composicións preseleccionadas polo xurado e publicadas nos albumes Concurso de debuxo Captura a sociedade dixital! e Concurso de microrrelatos Viaxe ao 2030, que recibiron un total de 1633 e 1054 votacións, respectivamente.
Como resultado dos oito días de votacións, que remataron o día 21 de febreiro ás 23:59, resultaron gañadores os 3 debuxos e os 3 microrrelatos que máis gústame obtiveron tal e como se pode acreditar no seguinte vídeo:

Cada un dos gañadores (1º, 2º e 3º premio) recibirá unha tableta nun acto, que terá lugar a finais do mes de marzo.

Concurso de debuxo Captura a sociedade Dixital!

Neste certame resultaron gañadoras tres composicións que representan as necesidades, novos hábitos e solucións que as novas tendencias dixitais poden proporcionar a nosa sociedade.
O robot do monte, de Iago Álvarez do CEIP As Nogais, mostra o pensamento do autor sobre o futuro próximo ligado a como a robótica pode axudar a defender os montes galegos e preservalos.
A cura contra o cancro de Noa Digón do CEIP San Xoán, describe o desexo de que aquí a 10 anos exista unha máquina que cure completamente esta enfermidade.
Galicia en Marte de Naiara Veiga do CEIP As Nogais, reflicte o viaxe dun robot no seu foguete Nagala10, que plantará a bandeira de Galicia en Marte.

Concurso de microrrelatos Viaxe ao 2030

No concurso de microrrelatos o alumnado puxo a proba o seu enxeño para describir o futuro e como a transformación dixital impactará nas nosas vidas. As obras gañadoras mostran como os avances tecnolóxicos e o uso das TIC poden mellorar o noso día a día.
Bo día Uxía de Antía Otero do IES Antonio Fraguas Fraguas, describe como unha rapaza interactúa cun obxecto inanimado que lle fai a vida máis sinxela, indicándolle o clima en tempo real, preparándolle a comida ou reservando unha viaxe de forma inmediata.
Corazón Robot de Iria Araújo do CPR Sagrado Corazón Celanova, mostra como unha muller cun transplante experimenta unha mestura de medo e alegría por poder continuar a súa vida gracias ao seu novo corazón de metal.
Tan lonxe, tan preto de Breixo Antelo do IES Campo de San Alberto, trata sobre un enxeñeiro que describe as vantaxes dos avances tecnolóxicos para a sociedade no ano 2030 como a diminución da contaminación ou a mellora no sistema sanitario, por exemplo.

PUBLICIDADE