Dan a coñecer aos finalistas do Concurso Ciberseguridade no Cole!

luns, 8 de novembro do 2021 Redacción

O Concurso Ciberseguridade no cole! celebrou o día 4 de novembro a primeira das súas dúas fases, unha competición en liña que contou cunha alta taxa de inscrición, xa que participaron un total de 67 equipos entre as dúas categorías, correspondéndose con 42 equipos de primaria e 25 de secundaria, pertencentes a 38 colexios, 23 de educación primaria e 15 de educación secundaria.
Os finalistas para a gran final que terá lugar o día 10 de novembro na Cidade da Cultura son a clase 6ºB do CEIP Plurilingüe San Marcos, a clase 6º A do CEIP San Martiño e a clase 6º B do CEP Altamira, na categoría de primaria e a clase 2º B do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, a clase de 2º do IES de Arzúa e a clase 2ºB do IES Martaguisela, na categoría de secundaria. Esta actividade, promovida por Telefónica, enmárcase dentro do encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal.
Os organizadores afirmaron verse sorprendidos polo alto nivel demostrado polos participantes, especialmente o dos colexios de primaria, e tamén pola entrega coa que participaron no evento o profesorado e os alumnos, rematando a competición de forma deportiva e sa, entendendo que a ciberseguridade é cousa de todos e emprazándose a volver a verse na seguinte edición do concurso.
Lembrar que, no marco do encontro Ciber.gal, ademais do Concurso Ciberseguridade no cole!, que se celebrará o día 10 de novembro ás 16:00 horas, de seguido terán lugar o taller Navegando con rumbo polo ciberespazo, impartido polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia e o obradoiro Ciberseguridade para as familias: mediación parental activa, impartido por Fernando Villar – Formador da Garda Civil. Para todas as actividades relacionadas co encontro cabe destacar que a data límite para a inscrición é o Martes, 9 de novembro as 12:00 da mañá.

PUBLICIDADE