DIGI activa Wi-Fi 6 nos seus routers

xoves, 24 de marzo do 2022 Marcus Fernández

O operador DIGI, que está a converterse nun dos máis populares por mor dos seus agresivos prezos, está a achegar unha interesante mellora aos seus clientes ao activar a tecnoloxía Wi-Fi 6 aos usuarios con routers ZTE H3600 e Zyxel EX3301, o que permite un mellor aproveitamento das conexións de fibra óptica.
O uso de Wi-Fi 6 permite un maior número de dispositivos conectados sen perda na calidade do sinal, maior velocidade de transmisión de datos, menor latencia, menos interferencias entre os equipos conectados e unha maior eficiencia enerxética.
Como exemplo dos agresivos prezos de Digi temos que por 30 euros/mes ofrece fibra de 300 Mbps e móbil con chamadas ilimitadas e 10 GB de datos acumulables; mentres que por 36 euros/mes ofrece fibra de 1 Gbps e móbil con chamadas ilimitadas e 20 GB de datos acumulables.
Tamén destaca o feito de poder personalizar totalmente a contratación de produtos, creando os combinados que máis se adaptan a cada situación, de xeito que ás conexións de fibra podemos engadir liña de teléfono fixo e liñas de móbil con distintas opcións de chamadas e de datos a prezos moi competitivos. Outro detalle a salientar é que as conexións á Internet a través de fibra empregan de xeito predeterminado CG-NAT, o que pode dar problemas en certos escenarios (creadores de contido, xogadores en liña, usuarios que monten servizos dende o seu fogar...) o que pode solucionarse pagando 1 euros adicional ao mes para ter un enderezo IP en exclusivo (servizo coñecido como Conexión Plus).

PUBLICIDADE