DIGAMEL equipa o seu persoal de almacén e transporte con pulseiras de actividade

venres, 12 de febreiro do 2016 Redacción

O grupo galego DIGAMEL, especializado na distribución de material eléctrico por toda a nosa xeografía, vén de informar dun recoñecemento ao seu labor que contribúe ao prestixio da propia empresa e, tamén, á integración no día a día dos traballadores as máis avanzadas tecnoloxías. O recoñecemento, máis polo miúdo, vén da man da multinacional ABB, que premiou o labor loxístico e comercial do persoal de DIGAMEL con pulseiras de actividade. Estes trebellos tecnolóxicos (smartwatchs de adestramento) estanse a integrar para optimizar o labor do persoal do almacén e de transporte.
Juan Luis Trueba, en representación do grupo ABB, fixo entrega destes wearables (carrexábeis) con capacidade para facer seguimento das actividades desenvolvidas e con conexión Bluethooth para a integración de dispositivos intelixentes. As delegacións que DIGAMEL ten na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Vilagarcía serán, en palabras dos responsábeis do grupo, “pioneiras en incorporar este dispositivo entre os seus empregados”, co que poderán medir as súas marcas de actividade e recibir correos a través destes weareables. Respecto das características concretas destes, sinalar que son dispositivos Leotec modelo Fitness Touch, pulseiras de actividade desenvolvidas e deseñadas en España que inclúen, entre outras cousas, pantalla táctil, display OLED, batería dunha semana de duración, Bluetooth e tecnoloxía compatíbel con Android e iOS. Son resistentes á auga e mergullábeis. Entre outras cousas incorporan a funcionalidade “fitness + sincronización”, a identificación de chamadas con dispositivos intelixentes e o aviso de chats e mensaxes vía SMS ou WhatsApp.

PUBLICIDADE