DC Comics salta aos terminais móbiles de Apple e á PSP

mércores, 23 de xuño do 2010 Marcus Fernández

O editor de comics coma Superman, Batman, Green Lantern ou Fábulas, DC Comics, finalmente moveu ficha de cara á comercialización do seu catálogo en formato dixital (algo que o seu principal competidor, Marvel, fixo hai tempo) pechando un acordo con comiXology para lanzar a súa propia aplicación para iPhone, iPod Touch e iPad e con Sony para distribuír os seus comics dixitais tamén a través da PlayStation Network.
En ambas plataformas estarán dispoñibles títulos clásicos de DC Comics, Vertigo e WildStorm (tres liñas editoriais da compañía propiedade da Warner Bros) a prezos de entre 0,99 e 2,99 dólares cada un (aínda que varios títulos serán de balde para que os usuarios poidan probar as posibilidade da aplicación para dispositivos de Apple).
Pero esta iniciativa de DC non parece querer limitarse a comics con varios anos no mercado, senón que a miniserie Justice League: Generation Lost estará dispoñible en formato dixital o mesmo día do seu lanzamento en soporte físico e ao mesmo prezo, o que podería ilustrar un novo modelo de prezos: estrea ao prezo do papel, e rebaixa do prezo dun 33% aos poucos meses.
Esta nova plataforma dixital estreará semanalmente un cento de novos números e non supón ningunha diferenza substancial con respecto doutras iniciativas anteriores, o que parece indicar que o sector editorial non quere innovar, senón que busca a estandarización da comercialización dixital para evitar os perigos dunha fragmentación de plataformas.


Vídeo de presentación da entrada dos comics de DC na tenda de descargas da PSP

PUBLICIDADE