DATAlife ofreceu apoio dixitalizador a 2.000 pemes galegas

martes, 7 de xuño do 2022 S. P.

No centro, o presidente de DATAlife, Pablo Álvarez Freire, acompañado de Rocío Mosquera (á súa dereita), vogal do Hub; de Carme Pampín (á súa esquerda), tesoureira de DATAlife; e doutros membros da xunta directiva do DIH

A iniciativa galega DATAlife Hub de Innovación Dixital (DIH) fixo balance da súa actividade de apoio ás pequenas e medianas empresas con vistas a dar pasos en materia de dixitalización e transformación. En concreto, brindou axuda e asesoramento a 2.000 pemes galegas dos sectores agro-mar, alimentación, biotecnoloxía, forestal e saúde-coidados. Así quedou de manifesto na cuarta asemblea xeral ordinaria de DATAlife, celebrada o pasado 3 de xuño na sede do Grupo Zendal, no Porriño. É a primeira xuntanza presencial destas características que celebra o DIH, proxecto posto en marcha en 2019.
Á asemblea acudiron representantes do dezasete asociados do Hub e Sabela Pardo Rodríguez, directora da área de Programas de Innovación da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que destacou o traballo realizado por DATAlife nos distintos sectores clave para a economía de Galicia grazas ao apoio da propia axencia autonómica que dirixe Patricia Argerey.
A asemblea renovou a xunta directiva até 2024, que seguirá presidindo Pablo Álvarez Freire, adxunto á dirección xeral de Grupo Zendal, e ratificou a entrada da operadora Vodafone como novo socio.
O evento serviu tamén para aprobar as contas de 2021 e máis a a memoria de actividades, onde destaca a devandita cifra de 2.000 pemes beneficiadas. Así mesmo, foi aprobado o plan de actividades de 2022 e o orzamento de DATAlife para impulsar a dixitalización das pemes galegas de sectores estratéxicos, que supera o medio millón de euros.
A asemblea, así mesmo, ratificou a Pablo Álvarez Freire, adxunto á dirección xeral do grupo biofarmacéutico Zendal, como presidente do Hub de Innovación Dixital. En base a isto, continuará á fronte de DATAlife até 2024. “Estamos a afianzar a nosa actividade; unha actividade que busca achegar valor ás pemes galegas relacionadas coas ciencias da vida a través da súa dixitalización, da súa aposta pola innovación”, recalcou Pablo Álvarez Freire, quen engadiu que DATAlife “vai por bo camiño para poder situarse como hub de referencia para os sectores estratéxicos da economía de Galicia”.
A xunta directiva complétana Sebastián Pantoja (responsábel da División de Propiedade Intelectual e Xestión da Innovación de Televés), que exerce como vicepresidente; Carme Pampín (presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida - Bioga e conselleira delegada e fundadora de GalChimia), que asume as funcións correspondentes á tesouraría; Luis Pérez (director xeral do Centro Tecnolóxico Gradiant), que terá a responsabilidade da secretaría; Rocío Mosquera (xerente de Galaria e presidenta de Clúster Saúde de Galicia), Roberto C. Alonso (secretario xeral en ANFACO-CECOPESCA) e Vicente Pérez Muñuzuri (vicerreitor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela). Este tres últimos membros da xunta exercerán como vogais.
DATAlife quixo aproveitar a celebración da reunión de traballo para dar a benvida aos representantes de tres das entidades asociadas que acudiron á reunión: Lois Orosa, director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); Fernando Val, director xeral do Centro Tecnolóxico EnergyLab; e Carmen Cotelo, xefa do departamento de innovación da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA). DIH tamén ratificou a entrada como socio da compañía Vodafone, efectiva desde o ano 2021. A operadora é a primeira firma do sector de telecomunicacións en adherirse a esta iniciativa, que busca converter a Galicia nunha rexión Next Generation pioneira en Europa, mellorando a competitividade das pequenas e medianas empresas a través da innovación e a súa dixitalización.

PUBLICIDADE