DATAlife atraeu máis de 22 millóns de investimento en dixitalización para Galicia

xoves, 30 de novembro do 2023 S. P.

As entidades impulsoras do Hub de Innovación Dixital DATAlife fixeron balance do seus logros nestes catro anos de actividade do proxecto, posto en marcha a finas de 2019. Segundo fixeron saber, o Hub atraeu a Galicia máis de 22 millóns de euros en investimento coa mobilización dun total de 27 proxectos. Ao redor de 10 deses 22 millóns proceden exclusivamente de fondos europeos, como Dixital Europe ou o programa Horizonte. Outros sete millóns chegan a través de fontes privadas.
DATAlife, grazas a este investimento, mobilizou máis de 27 proxectos de transformación dixital, organizado 70 eventos sobre tecnoloxías dixitais disruptivas e dado relatorios noutros 100 eventos nos que presentou o Hub e as capacidades de Galicia como eixo innovador en Europa. As iniciativas de DATAlife chegaron a máis de 5.000 entidades.
Orixes
O Hub de Innovación Dixital DATAlife naceu en 2019 impulsado polos seus membros fundadores, que achegaron 110.000 euros de capital inicial. Actualmente conta con asociados de diversos sectores que achegan a DATAlife o soporte para alcanzar os seus obxectivos. Destaca o traballo que realiza a súa xunta directiva con Pablo Álvarez Freire (Zendal) na presidencia; Sebastián Pantoja (Televés) na vicepresidencia; Carme Pampín (Bioga) en tesourería; Luis Pérez Freire (Gradiant) na secretaría e como vogal Roberto C. Alonso (ANFACO-CECOPESCA); Rocío Mosquera (Agrupación industrial Saúde de Galicia) e Gumersindo Feijoo (Universidade de Santiago de Compostela).
DATAlife tamén obtivo o apoio da Consellería de Economía, Industria e Innovación tras unha convocatoria competitiva en 2019 para a selección de DIHs estratéxicos para Galicia. DATAlife, a través desta iniciativa, foi designada entidade colaboradora pola Xunta en convocatorias como ConectaHubs e ConectaCOVID, Axudas á dixitalización industria 4.0, Obradoiros á dixitalización Industria 4.0, Centros de Fabricación Avanzada ou Dixitais. Ademais, apoiou a construción en Santiago de Sionlla Biotech e o seu Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB) que actuará como catalizador para a creación de start-ups e a atracción de empresas tractoras intensivas en I D i.
En 2022 pechou con éxito o proxecto Hub Iberia Agrotech (HIBA) que atraeu a Galicia case medio millón de euros para impulsar un ecosistema plurirrexional centrado na dixitalización do sector agroalimentario. Colaborou con Andalucia, Estremadura e Portugal, contando coa Xunta de Galicia como integrante do consorcio. Mobilizou a máis de 150 pemes sectoriais en mesas redondas, enquisas e servizos.
Outro fito foi a creación dun laboratorio de dixitalización e tecnoloxías avanzadas no Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Neste laboratorio de demostración implantáronse sensores avanzados e unha plataforma que permite a identificación e monitoraxe en tempo real das árbores nunha das leiras experimentais do centro.

PUBLICIDADE