D3Mobile Metrology entrega o premio ao vídeo máis votado a un grupo de estudantes tinerfeños

mércores, 25 de xuño do 2014 Redacción

O certame da Universidade de Santiago destinado a promover vocacións científicas a través do modelado en 3D con teléfono móbil, a D3Mobile Metrology World League 2014, deu a coñecer esta semana o vídeo máis votado do concurso (edición 2014). Trátase dunha achega audiovisual que vén da man dun grupo de estudantes tinerfeños do colexio Nuryana de La Laguna: Cristo Manuel Bethencourt Rodríguez e Talía Cabello García, acompañados de Luis Ortiz de Lejarazu, profesor do citado centro educativo insular. O grupo visitou este martes a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo para recoller o premio ao vídeo máis votado do dito certame convocado por USCAN3D.
Segundo informa a Universidade de Santiago, o director en funcións da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta; a coordinadora do grupo de investigación USCAN3D, Mariluz Gil Docampo, e o director do proxecto D3Mobile, o tamén profesor da USC e director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz, entregaron os premios aos tres membros do equipo galardoado, aos que logo acompañaron nunha visita guiada polas instalacións do centro universitario lugués.
Lembrar tamén que a cerimonia oficial de entrega de premios da D3Mobile Metrology World League celebrarase o vindeiro xoves, a partir das 12.00 horas, na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, no marco dunha sesión na que participarán representes dos distintos organismos promotores e colaboradores do certame, ademais dos equipos que resultaron gañadores nalgunha das distintas modalidades que presenta a D3Mobile Metrology World League.
Como dixemos, descubrir novas vocacións científicas entre estudantes preuniversitarios é o gran obxectivo da liga D3Mobile Metrology World League 2014, o primeiro campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil encamiñado a estudantes de todo o mundo nados entre 1996 e 1998. A nova edición do dito torneo desenvolveuse en liña e incluíndo unha dotación de 9.000 euros en premios, incluíndo: iPads, tablets e unha raqueta doada por Rafa Nadal.
A competición consistiu en coñecer que equipa (de entre dous e catro estudantes apoiados por un titor) é quen de medir e modelar obxectos en 3D coa mellor calidade métrica e visual servíndose dos seus dispositivos de teléfono móbil, un computador e un software fotogramétrico libre.

PUBLICIDADE