Curtas na Rede bate o seu propio récord de pezas inscritas

mércores, 28 de outubro do 2009 Raquel Noya

O certame Curtas na Rede, que onte lle puxo o broche final á súa IV edición cun gran éxito de participación, vén de anunciar que as preto de 250 pezas presentadas este ano permitíronlle bater o seu propio récord de inscrición ao concurso, xa que se trata dunha cifra que triplica o número de pezas inscritas en cada unha das edicións anteriores.
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presidiu onte a gala de entrega de premios desta cuarta edición á que se presentaron obras de autores galegos e, tamén, proxectos audiovisuais procedentes de países como Portugal, Arxentina, México, Chile ou Australia, que deleitaron aos asistentes coa súa orixinalidade.
O concurso, que repartiu este ano máis de 30.000 euros, non deixou de lado os seus obxectivos orixinais, polo que, ao igual que en anteriores edicións, o evento servíu de escaparate para a creación audiovisual fora da industria e a promoción da actividade dos creadores galegos. Asemade, este certame que persegue a consolidación de Internet como un espazo útil para a exposición visual dos traballos, foi quen de crear un punto de enconto e de interactividade para tódolos usuarios, que atopan en Curtas na Rede un dos mellores espazos posibles para desenvolver a súa creatividade á hora de crear contidos audiovisuais.
O secretario Xeral de Política Lingüística foi o encargado de entregar o premio á mellor curtametraxe en galego, a sección estrela do certame, a Xabier Marqués Solla por Freud&Company. O premio á mellor curtametraxe en castelán recaeu en Pedro Moreno por Señales.
O primeiro premio das curtas de ficción, xénero onde se concentraron a maioría das curtas, case 90, foi para Andrés Goteira por O Paquete, e no xénero documental, o primeiro premio foi para Marcos Nine por Aarón. <br No apartado Experimental, os gañadores foron Juan Lesta e Belén Moreno por ANIM 01 e finalmente, na categoría de animación, a gañadora foi a galega María Becerra coa curta Lelo e as estacións.
Completan o concurso dúas categorías máis, a de Micromovies e a de Cápsulas. Dentro das cápsulas (pezas curtas cunha duración non superior aos tres minutos), a premiada foi Jeriatric Park de Rafael Navarro; e na micromovie (traballos realizados coa cámara do teléfono móbil que non poden exceder os 30 segundos de duración), GPS de Marcos Fernández Vázquez.
Iria Pinheiro (Freud & Co) e Xabier Pan (Raccord do carallo), recibiron o premio á mellor interpretación feminina e masculina, respectivamente, e o premio para a mellor bitácora, outra das modalidades do concurso, foi para Toño Bouza por Disparo de Nieve, mentres que o de mellor guión recaeu en Flavio Pires por Naufragio; o galardón á mellor montaxe foi para a curta Agua do Galder Arriaga e mellor dirección para Toño Chouza por Ausencia de Cambio.
Finalmente, os premios outogardos polo público a través das votacións na páxina web do certame foron para a curta Amor rabiscos e outras coisas e a cápsula Beach Baby, ambas do portugués Hugo Ricardo Sousa Ferreira; e, na categoría de micromovie, Game Over, de Adán Pichardo.

PUBLICIDADE