Cursos de balde sobre a publicación na web e as redes sociais

luns, 4 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Durante o mes de xullo SIMCe Consultores organiza en Santiago de Compostela uns cursos subvencionados pola Xunta de Galicia e o Fundo Social Europeo dirixidos a persoas das industrias culturais (principalmente perfís técnicos e xefes de proxecto que teñan que ver coa área de comunicación e persoal administrativo en xeral) que achegaranse á xestión de contidos web e ás redes sociais.
O primeiro curso será O Posicionamento e a Xestión de Contidos Web, estará impartido por Manuel Veloso e Christian D. v. Eitzen, e terá lugar os días 11, 12, 18 e 19 de xullo de 16:00 a 21:00 horas (completando a formación con outras 20 horas a distancia), e tratarán os temas de A web como elemento de marketing, Conceptos básicos para a publicación na Rede e a Xestión de contidos con Joomla.
O segundo curso leva por título Plan de Comunicación en liña e Redes Sociais, celebrarase os días 13, 14, 20 e 21 de xullo de 16:00 horas a 21:00 horas (con outras 20 horas a distancia), será impartido por Alberto Lázaro, Fuencisla Cid e Miguel del Fresno, e os temas que abordará serán O plan de comunicación en liña, Introdución ás redes sociais, Funcionalidades das redes sociais e ferramentas de traballo en liña e, para rematar, un Caso práctico.
Os cursos teñen prazas limitadas (25 persoas) e a súa inscrición pode realizarse por correo electrónico ou no teléfono 986 419 922 ext. 2006.

PUBLICIDADE