Curso de iniciación ao software libre e GNU/Linux en Vigo

martes, 8 de febreiro do 2011 Raquel Noya

A Universidade de Vigo vén de facer pública, a través de Internet, a súa oferta de actividades e cursos para o segundo cuadrimestre, da que apuramos a dar conta en Código Cero.
Para concretar datos, GALPon, o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra, achéganos na súa web a información ao detalle do Curso de Iniciación ao Software libre e GNU/Linux que oferta o Campus de Vigo, aberto a todo o público en xeral.
Neste curso farase unha introdución ao emprego de software libre e GNU/Linux percorrendo temas como o uso básico de aplicativos como a suite ofimática OpenOffice, Firefox, correo Thunderbird, mensaxería instantánea e software de edición de imaxes e vídeo.
O curso, que terá unha duración de 30 horas, terá lugar os mércores dende o vindeiro día 23 de febreiro ata o día 3 de maio e impartirase en horario de 15:00 a 18:00 na Aula Informática 105 do edificio novo da E.T.S.E. Telecomunicacións.
O temario inclúe, entre outras couas, unha introdución ao Software Libre e información sobre a importancia dos códigos abertos na actualidade.
As persoas interesadas en asistir ao curso poden consultar a información de matrícula na web da Universidade. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro día 18 febreiro.

PUBLICIDADE