Cúmprense 25 da presentación do primeiro Windows

luns, 10 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Tal día coma hoxe, en 1983, Bill Gates amosáballe ao mundo o seu segredo mellor gardado: o primeiro sistema operativo propiamente Windows. O software, que distaba moito en feitura e funcionalidades do acadado hoxe en día pola firma Microsoft, si que constituía un avance con respecto á interface do seu directo precedente, o sistema MS-DOS, limpo e aséptico coma un cálculo matemático. Fronte á linguaxe desta ferramenta, sólida coma unha rocha, Gates figurou perante o mundo con algo máis accesible para o común dos mortais.
Con independencia de que se estea de acordo o ou non co que viría despois (o negocio a gran escala dun software especialmente protexido), para ben ou para mal houbo un antes e un despois da presentación de Windows, o día 10 de novembro de 1983 na cidade de Nova York. Por certo que este sistema operativo para PC non foi comercializado nas tendas até dous anos máis tarde, pero foi nese intre no que se deron a coñecer algúns dos conceptos básicos do Windows, como por exemplo as xanelas, os menús despregables ou a estreita ligazón de dependencia co manexo do rato. Entre as aplicacións achegadas xa viña incorporada a columna vertebral do produto, o Panel de Control, entre outras ferramentas de cálculo ou de escritura. Máis tarde viría o Windows 95, que xa ofrecería o navegador Internet Explorer, entre outras aplicacións. Pero esa é outra historia.

PUBLICIDADE