Cumpre un ano a web que nos permite comparar prezos para aforrar nas compras

xoves, 7 de maio do 2009 Raquel Noya

Hoxe en día, tal e como se están a poñer as cousas por mor da crise mundial que non nos deixa chegar a fin de mes tan comodamente como antes (ou a lo menos así o comparte a maioría da poboación), todo o que sexan consellos ou trucos para aforrar sen ter que renunciar á calidade dos produtos e servizos que adquirimos, son benvidos onde e cando queira que se reciban.
Ultimamente son moitos os blogs e páxinas web que de xeito desinteresado nos ofrecen recomendacións para gastar menos no carro da compra ou que nos fan propostas para aforrar enerxía e reducir custes pero non deixan de ser trucos que o que máis e o que menos xa coñeciamos, tales como usar bombillas de baixo consumo ou non deixar os nosos electrodomésticos en stand by mentres non os empregamos.
Agora ben, unha páxina que destacamos en Código Cero pola súa utilidade á hora de axudarnos a aforrar considerablemente é Tarifas24, unha ferramenta que vén de cumplir un ano de funcionamento e que se dedica á comparación de cinco categorías de produtos que sóen supoñer un gasto fixo mensual: ADSL, telefonía móbil, seguros, contas de aforro e tarxetas de crédito.
Tarifas24, fundada por Boris Hageney, ofrécelle aos usuarios e usuarias a posibilidade de comparar os prezos dos produtos e servizos das devanditas categorías en función do uso que lle damos ou da frecuencia coa que acudimos a eles, permitíndonos aforrar ata uns 200 euros anuais dependendo da nosa elección.
O seu funcionamento é moi doado: o usuario tan só ten que entrar na sección que desexe comparar prezos e seleccionar as condicións nas que usa o servizo, por exemplo o horario e operador de telefonía ao que chama con máis frecuencia, a capacidade da súa conexión a Internet, o seu modelo de coche (no caso das compañías de seguros)…
Posteriormente, a ferramenta mostra unha selección cos plans e tarifas máis rendibles do mercado, coa vantaxe de que cada un deles está ligado coa súa correspondente oferta da compañía, sobre todo para aqueles casos nos que o usuarios xa desexan facer o contrato ao momento ou informarse máis ao detalle da oferta.
A web destaca pola súa neutralidade e independencia cos proveedores e conta cun selo de Confianza Online na categoría de Comercio Electrónico, o primeiro sistema de autorregulación recoñecido polas autoridades españolas como “Distintivo Público de Confianza en liña”.

PUBLICIDADE