Culturgal mostrará en Pontevedra as nosas grandes novidades en videoxogos

martes, 26 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Xa queda menos para o inicio de Culturgal, a gran feira da cultura galega que converte o Pazo da Cultura de Pontevedra, durante unha fin de semana enteira, nun fervedoiro de creatividade, innovación, proxectos pioneiros e prometedoras colaboracións. A edición deste ano, que se celebra entre o 29 de novembro e o 1 de decembro, prevé reunir baixo un mesmo teito a máis de 15.000 persoas. Esta undécimo segunda edición do salón Culturgal terá, como de costume, unha xanela directa ás novas tecnoloxías. Na convocatoria deste ano porase o foco, especialmente, no ámbito dos videoxogos dende unha óptica galega, creativa diversa, aberta e libre de prexuízos e estereotipos.
Esta vertente de tecnoloxías e produtos de lecer dixital estará representada por Videoxogo.gal (Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos), que vai coordinar a zona de stands onde terán presenza propia as seguintes empresas, iniciativas, publicacións e entidades: Gato Salvaje, Mundos Digitales, Imaxin| software, e-Polygon, Revista Morcego, KST e a Universidade da Coruña.
O venres 29 celebrarase a I Xornada do videoxogo, un evento de posta en común de experiencias e coñecemento relacionados coas últimas tendencias do sector desde unha perspectiva profesional e técnica. Alí, profesionais das diferentes áreas de traballo da industria compartirán cos asistentes experiencias e coñecemento de utilidade sobre diferentes aspectos técnicos, empresariais e legais do desenvolvemento dos videoxogos.
A continuación damos conta do programa.
· 17:30h – Presentación da xornada: Jacobo Sutil (director da Agadic) e Manuel Meijide (vicepresidente Videoxogo.gal)
· 17:45.- Mesa redonda: O Videoxogo galego ás portas do 2020.
Interveñen: Miguel Areán (e-Polygon), María Fernández Hermida (deseñadora de contornas), Antonio Seoane (coordinador do Mestrado en Deseño, desenvolvemento e comercialización de videoxogos da UDC) e Anxo Lorenzo (director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia). Modera: Luz Castro (Videoxogo.gal)
19:00.- Presentación de proxectos singulares no escenario do videoxogo galego:
MUVI
Sea Bubble
Revista Morcego
Odal
The Waylanders
Minimundos

PUBLICIDADE