Culturgal leva tecnoloxía de última xeración a Pontevedra

luns, 22 de novembro do 2010 Raquel Noya

A Asociación Culturgal, creada en xullo deste ano polas máis importantes asociacións profesionais da industria cultural galega, vai afrontar a organización da III edición da Feira das Industrias Culturais, que terá lugar do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra.
Este encontro, no que a tecnoloxía será o prato estrela, contará entre outras moitas cousas con videoxogos nos que o control se basea na emisión de ondas cerebrais, pantallas en 3D e multitáctiles, láser graffiti, intelixencia artificial...que virán ata a cidade do Lérez da man de Eganet.
A asociación de empresas galegas adicadas a internet ofrecerá unha completa mostra dos últimos avances mundiais no eido da tecnoloxía aplicada á cultura, ofrecéndolle ao público asistente a posibilidade de interactuar coas ferramentas máis novidosas e sorprendentes.
Entre todas as actividades e obradoiros dispoñibles, nos que a xente poderá comprobar de primeira man o inquedante mundo das novas tecnoloxías, destaca o Game Over, un obradoiro no que a empresa galega Ceo Aberto lle achegará á sociedade galega as últimas novidades en materia de videoxogos, ferramentas web e aplicacións informáticas.
Desenvolverase o vindeiro sábado ás 17h e ás 20h e o domingo ás 11h e ás 14h, e nel, rapaces e rapazas de 10 a 16 anos poderán achegarse á historia do hardware e do software a través dos videoxogos.
Asemade, entre outras novidades, poderán probar dous dos últimos xogos desenvolvidos por Neurosky, unha empresa que deseña dispositivos de control baseados na emisión de ondas cerebrais. O xogo Jedi Trainer, no que o xogador debe controlar coa mente os movementos dunha bóla, e o casco Neurosky Headset, que permite manexar unha personaxe en función da concentración e a meditación do xogador. Iso sin contar que, mediante un proxector compatible con 3D e unhas gafas nVidia, as persoas que se acheguen ata o stand de Eganet poderán probar a sensación de xogo tridimensional, grazas a unha pantalla de 42 pulgadas que conta coa última tecnoloxía 3D na que se proxectarán vídeos que se visualizarán coas gafas 3D, tamén de última xeración.
Outra das actividades estrela será o Láser Graffiti, que consistirá na videoproxección de Graffiti dixital sobre o Pazo da Cultura. Para facelo, usarán un sistema informático formado por unha cámara astronómica, un proxector de vídeo, un punteiro e un portátil, equipado cunha versión mellorada e adaptada do software desenvolvido e liberado por un colectivo estadounidense. Segundo informan dende a organización, “levarase a cabo un obradoiro previo no que os asistentes poderán descargar o software e aprender os rudimentos do seu uso”. Asemade, “as persoas interesadas que se acheguen co sue propio portátil e unha webcam sairán convertidas en graffiteiras dixitais”, aseguran os organizadores.
Finalmente, o público que asista a Culturgal tamén poderá comprobar de primeira man o fucionamento dunha pantalla multitáctil de grandes dimensións e alta sensibilidade, baseada nun sistema de iluminación interior por infravermellos. O avance deste dispositivo con respecto ás pantallas táctiles é que permite que varias persoas participen de forma simultánea. Nos videoxogos, por exemplo, os xogadores poden competir ao tempo e recibir a información da clasificación en tempo real, o que dispara a emoción do xogo.
Os colectivos membros, entre os que se inclúen a Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), a asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), asumen a organización do evento “para darlle viabilidade ao proxecto, cunha folla de ruta trazada activamente polo sector e co obxectivo prioritario de visibilizar a oferta cultural do país”.

PUBLICIDADE