Culturgal leva a Durango diferentes propostas culturais e tecnolóxicas galegas

mércores, 7 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Entre os representantes da nosa cultura atópase Mr Misto, que xa está a desenvolver actividades cos nenos que acoden á feira

A feira Culturgal, que tantas manifestacións do novos maxín tecnolóxico-cultural amosou os días pasados en Pontevedra, estase a converter nunha feira móbil. O obxectivo disto: levar a cousa nosa, isto de sermos galegos e facer cultura e tecnoloxía propia, a onde faga falta. Ou sexa, a todo o mundo. Estes días Culturgal conta con presenza física e virtual en Durango Azoka, na Feira do Libro e do Disco Vasco (46 edición), onde a cultura galega acode como convidada. E faino cunha mostra multisectorial que abrangue o audiovisual, a literatura, a música, o teatro e, tamén, as novas tecnoloxías nas que se manifesta o devandito.
A presenza do Culturgal en terras de Euskadi foi posíbel, informan dende a organización, co apoio económico da axencia AGADIC. En Durango, infórmase, xa se encontra dende onte, 6 de decembro, a caravana de Mr Misto, que viaxou directamente desde Pontevedra co espectáculo para nenos A Caixiña de Mistos, o único cinema do mundo instalado nunha roulotte na que se proxectan películas para público infantil. Ao redor dela desenvólvense obradoiros de animación con plastilina, con base nas historias do heroe Tintimán. O autor das obras de Tintimán é Santiago Jaureguizar, oriúndo de Bilbo, aínda que asentado en Galicia desde hai anos.
Tamén está presente en Durango a asociación Gálix (centrada en promover a cultura e a lingua galega a través da literatura para nenas e nenos), a Asociación Escritores en Lingua Galega (que participa cos seus homólogos vascos nunha mesa redonda sobre os 28 anos de Galeusca), o director e produtor Artur Trillo (Talía Teatro) e a empresa tecnolóxico-dixital Imaxin (amosando as súas ferramentas TIC para a tradución e dando conta dos froitos da súa colaboración coa entidade local Elhuyar Fundazioa, entre os que se conta o xogo multimedia ZooLoco ou Zoo Zoroa, pensado para nenos de entre 3 e 6 anos). O xoves, derradeiro xornada da feira, o Colectivo Sinsalaudio de Vigo, que integran Chiu Longina e Xulio Gómez, traerán a Durango unha presentación sobre os novos sistemas de edición e o futuro do soporte nos tempos dixitais, amais de presentar os detalles do proxecto Memoria Acústica Europea. Para rematar, os músicos Ugia Pedreira, Fred Martins e Mikel Urdangarin presentarán o seu proxecto Acrobatak, “un exercicio de mestizaxe musical, no que o tres compositores comparten o seu amor pola música tradicional, a forza e a sensibilidade”, informan os responsábeis de Culturgal.

PUBLICIDADE