Culturagalega.org muda de deseño para converterse nunha plataforma de contidos

martes, 27 de maio do 2008 Marcus Fernández

O portal de divulgación do Consello da Cultura Galega, Culturagalega.org, estrea un novo deseño para abrir unha nova etapa na publicación que irá incorporando distintas novidades ao longo do ano procurando incrementar o contido atractivo e de calidade, así como buscando achegarse ao usuario como unha ferramenta útil.
O principal cambio da web percíbese na portada, que se divide en varias áreas de contidos distribuídas verticalmente, de xeito que nun primeiro momento atopamos as novas, que se complementan cunha columna á dereita chamada dossier e que inclúe ligazóns ás novas culturais máis interesantes dos medios galegos. Despois inclúe unha sección de contidos destacados dos distintos soportais de Culturagalega.org, tralo que atopamos unha elegante axenda na que se poden consultar os eventos (principalmente concertos) que terán lugar nos vindeiros días na nosa comunidade.
Tamén podemos ver unha caixa na que se recolle unha escolma de vídeos repartidos en 4 categorías (audiovisual, música, actualidade e televisión) que se poden ver directamente na portada da web. Este contido está seguido dun carrusel que leva a contribucións de colaboradores, de xeito que se achega o acceso a estes interesantes contidos.
Non faltan unha selección de libros, discos, curtas e comics seleccionados polos seus soportais correspondentes (LG3, MEGA, AVG e BD respectivamente), álbums biográficos (de mulleres, emigración e ciencia), referencias da biblioteca de descarga de documentos, unha listaxe de certames e, coma colofón, un útil mapa dos contidos do portal, que axuda a coñecer cómo está distribuída a información no mesmo.
Os contidos interiores do portal iranse adaptando paulatinamente ao novo deseño, e con esta reforma Culturagalega.org quere pasar de ser un portal a converterse nunha «plataforma de contidos para o usuarios que viven ou queren vivir ou poden vivir a lingua e cultura galegas» segundo o seu director, Manuel Gago.

PUBLICIDADE