#CulturaLike2 salientará o interese que poden suscitar os contidos científicos na Rede
luns, 11 de maio do 2020
A Xunta de Galicia promove o vindeiro mércores 20 de maio a segunda
edición de #CulturaLike, un encontro para reflexionar sobre as claves da
divulgación cultural e científica na Internet, que será emitido en liña e
reunirá a tres grandes divulgadores da Rede: os galegos Déborah García Bello e Miguel Ángel Cajigal e o manchego José Luis Crespo. O evento,
organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, enmárcase no programa
de actividades #aculturasegue da Consellería de Cultura e Turismo, baixo o que
se están a lanzar contidos formativos e de lecer de calidade e en liña no
contexto actual de emerxencia sanitaria.
Esta xornada (que se poderá seguir en liña e de balde a
través da web e redes sociais da Cidade da Cultura) amosará como os contidos
científicos tamén son capaces de converterse en trending topic,
demostrando que as ferramentas dixitais serven de aliadas para difundir
coñecemento dun xeito accesible, rachando coas canles de acceso tradicionais e
permitindo espallar e democratizar sen lindes físicos ou académicos contidos
culturais.
#CulturaLike2 enmárcase na programación que a Cidade da
Cultura de Galicia desenvolverá con motivo do Día Internacional dos Museos, ao
longo da semana do 18 de maio. O encontro contará, por unha banda, coa
participación de Déborah García Bello, copresentadora do programa de
divulgación científica Órbita Laika (TVE), colaboradora de Galicia por Diante
(Radio Galega) e autora científica da Editorial Planeta, onde vén de publicar No
tocar. Ciencia contra la desinformación en la pandemia de COVID-19
(Paidós). Divulgadora moi activa en todas as plataformas, conta con máis de
100.000 seguidores entre YouTube, Twitter e Instagram. Foi Premio Tesla de
divulgación en 2016, premio Jot Down Ciencia en 2017 e dirixe dende 2016 as
xornadas Ciencia y Arte coa Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim.
Doutra banda, intervirá o manchego José Luis Crespo,
coñecido na rede como Quantum Fracture, físico e divulgador con máis de dous
millóns de seguidores na súa canle de YouTube e medio millón máis nas
diferentes redes sociais. O seu traballo revolucionou as redes, demostrando que
se pode cativar a millóns de persoas falando de ciencia. Colabora con
institucións como o CSIC, o Instituto de Física Teórica ou o CERN.
Os dous coñecidos divulgadores, en conversa con Miguel Ángel
Cajigal, El Barroquista, falarán de como enfocar a divulgación científica e
como lograr que a ciencia pura sexa divertida e poida enganchar a unha
audiencia masiva. Darán conta da súa maneira de traballar para que os
participantes nesta xornada poidan coñecer como se fai divulgación dende dentro
e aprender con eles a divulgar contidos nas diferentes canles.
Da man destes dous destacados creadores de contidos
científicos nas redes sociais, os e as participantes de #CulturaLike2 terán a
oportunidade de coñecer as claves dos novos relatos en Internet, a
potencialidade da súa difusión en liña e as importancia do seu deseño para
facilitar a súa comprensión e acadar un maior impacto.