Cultura recupera a figura de María Mariño na web www.17demaio.org

venres, 11 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

María Mariño, a poeta á que se lle dedica este ano a festividade das nosas Letras, é unha das poucas mulleres que foron homenaxeadas por estas datas e ó longo de corenta e catro “dezasetes de maio”. Antes dela, só Rosalía de Castro (que co gallo dos cen anos da publicación dos seus Cantares Gallegos abriu a festividade) e Francisca Herrera recibiron recoñecementos no dito Día. Tendo en conta isto, queda patente que coa posta en valor da obra de María Mariño en 2007 non só se está a apostar pola nosa cultura e a súa preservación senón tamén polo papel das propias mulleres procedentes de calquera profesión ou estrato social, sometidas ó longo de décadas ó esquecemento, tanto máis tráxico por tratarse dun mundo, o galego e o da sociedade europea, especialmente feito á medida dos homes.
A páxina que vén de actualizar a Consellería de Cultura, www.17demaio.org, xira case toda ela arredor do devandito.
Por unha banda, arredor da idea concreta e específica de preservar a memoria de María Mariño e a súa obra e, pola outra, da idea de reivindicar as vidas de todas aquelas mulleres que viviron, expresaron as súas emocións e o seus pensamentos e logo pasaron a esa terra de ninguén, esa leira que non semella dar semente que é o anonimato.
Sexa en Galiza ou en calquera outro país.
Máis concretamente (deixamos logo o eido das ideas para metérmonos nos feitos), a web posta en marcha Consellería de Cultura (que o ano pasado estivo dedicada a Manuel Lugrís), vai encamiñada a converterse nun dos principais focos de información en liña sobre os escritores homenaxeados no 17 de maio, neste caso María Mariño. Da poeta de Noia (que pasou gran parte da súa vida en Romeor do Courel e en Parada de Moreda, lonxe de onde se supoñía estaba o centro de actividade da vida cultural galega), ofrécese un completo percorrido pola súa traxectoria vital e obra literaria, que non foi abondosa, polo menos no que se refire á súa distribución editorial (suponse que unha boa parte da súa obra nunca chegou ser publicada), limitada ós poemarios Palabra no tempo (1963) e Verba que comeza (póstumo, publicado en 1990).
Ademais, como se nos indica na web, tamén se teñen conservado poemas en castelán (Mariño comezou a escribir nesta lingua e case de inmediato pasou a facelo en galego) reunidos no volume Más allá del tiempo, saído do prelo esta primavera de 2007 e rematado de escribir en 1965.
Paisaxes, exposicións virtuais e recursos
A páxina www.17demaio.org é visual e textual a partes iguais. En tódalas súas seccións podemos atopar imaxes da poeta homenaxeada e dos lugares (galegos e vascos) cos que tivo relación ó longo da súa vida: Noia, O Courel, Escarabote (Boiro), Elantxobe. Neste senso, un dos apartados máis salientables da web é As paisaxes de María, onde se fala polo miúdo dos espazos onde viviu e de como cada un deles chegou a condicionar a súa vida e a súa produción literaria, sobre todo no caso do Courel, as terras que a inspiraron e que, en xusta reciprocidade, máis conservan hoxe a súa pegada. Interesante tamén é visitar Cantiga da Costureira Poeta, unha exposición virtual con textos de Xosé Agrelo e ilustracións de Alfonso Costa.
A páxina recolle tamén referencias bibliográficas, é dicir: recursos de primeira man para introducírmonos na obra da autora, tanto no que a bibliografía tradicional se refire (a vinculada ós libros) como no que respecta á virtual, cada vez máis abondosa. Podemos atopar estes recursos na sección Mariño nas redes e nos libros.
Pola súa banda, o apartado A Galiza de María Mariño encamíñase a achegar o contexto histórico preciso para entendérmonos a obra da autora e súa traxectoria vital.

PUBLICIDADE