Cultura achega preto de 78.000 euros en axudas para a dixitalización de fondos documentais

xoves, 7 de abril do 2016 Redacción

Cultura e Educación ten unha nova liña de axudas para optimizar os arquivos de Galicia a través de metodoloxías avanzadas de organización e dixitalización. Trátase dun orzamento de 77.740 euros para realización de actividades que optimicen a xestión, o manexo e conservación dos nosos fondos documentais. A convocatoria foi publicada este 6 de abril no Diario Oficial de Galicia e encamíñase a dotar de respaldo orzamentario iniciativas de universidades, entes locais e entidades privadas sen arela de lucro. Deberán ser entes galegos e contar cun local estábel destinado a arquivo. Amais, terán que acubillar fondos constitutivos do patrimonio documental de Galicia.
As liñas de actuación destas axudas abranguen, por unha banda, a organización de fondos documentais dos arquivos galegos e o seu tratamento arquivístico, e, por outra, a dixitalización do patrimonio documental custodiado en arquivos –de actas de pleno acubilladas nos arquivos municipais, no caso dos entes locais, e de documentos constitutivos de patrimonio documental que sexan de interese para Galicia no caso dos arquivos universitarios e de entidades privadas sen ánimo de lucro.
A Secretaría Xeral de Cultural, a través destas axudas, apoia o financiamento dos arquivos do Sistema de Arquivos de Galicia (para “garantir a conservación e o acceso ao patrimonio documental que custodian”) cun máximo dun 80 % do investimento total do custo dos proxectos. No caso dos proxectos de organización de fondos a axuda máxima será de 5.000 euros e no dos proxectos de dixitalización, de 2.000 euros.

PUBLICIDADE