Culminado con éxito o proceso de preinscripción do XGN

martes, 10 de marzo do 2009 Raquel Noya

Imaxe dunha pasada edición do certame

Aqueles internautas que, a lo menos unha vez ao ano, teñen por costume reunirse con outros miles de usuarios coas súas mesmas afeccións e devoción pola Rede, e que non se inscribiron a tempo para a party informática máis importante da nosa comunidade, o Xuventude Galiza Net, terán que agardar ao vindeiro ano para facelo pois os organizadores da party galega veñen de anunciar que o proceso de preinscrición se completou con éxito este luns.
Aínda que este ano se duplicou o número de prazas dispoñibles (ao trasladarse cara as instalacións do Multiusos de Sar, con un aforo moito maior que o Pazo de Congresos e Exposicións), todas elas esgotáronse (como xa é costume) ao pouco tempo de abrirse a aplicación web que facilitaba a preinscrición dos participantes.
A partir de agora, os internautas admitidos disporán dunha semana para aboar o importe que lles dá dereito a participar no Xuventude Galiza Net 2009 (uns 37 euros de tarifa xeral ou 27 se son posuidores do Carné Xove ou Carné Máis), nunha edición que destaca especialmente por coincidir co décimo aniversario da party.

PUBLICIDADE