Cuba recoñece que a meirande parte do software que emprega é pirata

mércores, 19 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Estados Unidos aperta e afoga na súa teima de obrigar a todo o mundo a ir polo rego que a el lle gusta, e cada país ten que procurar aire como pode. Un dos que máis sabe disto é precisamente Cuba, que leva xa tantos anos metida até as cellas no embargo económico que non é de estrañar que na súa procura de alternativas de crecemento acabase xa por amolar ó “embargador” e alí onde máis lle doe. Isto podémolo ver na política de dixitalización de Cuba, que por unha banda consiste en tirar proveito do pirateo do software pechado que se acada irregularmente de Estados Unidos e pola outra nunha aposta polo software libre. Este ambiguo proceso de informatización, que desvela (unha vez máis) ó dito embargo como unha das medidas político-económicas máis absurdas dos nosos tempos, foi avaliado por un membro do goberno cubano, Roberto del Puerto, director da Oficina de Informatización, segundo informa Reuters.
Os datos foron achegados durante o transcurso da presentación dun informe sobre o impacto económico do embargo (que lle supuxo á illa máis de 3.000 millóns dólares no que vai de ano) e non deixa de ser curioso que fose un propio membro do goberno o que recoñecera que practicamente todo o software que se emprega na illa é software copiado de xeito ilegal. Como é de supoñer, o detonante disto hai que rastrexalo nas sancións económicas dos Estados Unidos, que deixan moi pouca marxe para a chegada e compra de programas orixinais.
Cuba vese así perante dous camiños a seguir: ben o do software pirata ou ben o do software libre, e, certamente, non deixa de ser rechamante que se aposte máis polo primeiro ca polo segundo. A non ser, que todo é posible, que a copia ilegal sexa un xeito de pagarlle a Estados Unidos coa mesma moeda, é dicir: de amolala onde máis lle doe, sendo este como é o país abandeirado por antonomasia da protección das licenzas no software pechado. Dito doutro xeito e para que se entenda: cando se está encabronado cun país (coma no caso de Cuba contra os EE UU), se cadra dá máis morbo sacar proveito das súas cousas que procuralas noutra parte.

PUBLICIDADE