Cuba pon e marcha a súa propia enciclopedia en liña

martes, 14 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Nin sequera a Wikipedia, esa cousa que se fai entre moitos, está libre de manipulacións. E máis se temos en conta que en ocasións os “moitos” tamén poden estar equivocados, ou ter interese nalgunha cousa determinada na que os demais non teñen interese algún. Toda esta enleada vén a conto para informar do novo proxecto tecnolóxico-cultural de Cuba, EcuRed, con toda probabilidade unha iniciativa dirixida a facerlle fronte á longa listaxe de medios mundiais que se ceban informativamente co país, incluídas iniciativas en liña teoricamente imparciais (o caso da Wikipedia). EcuRed, que emprega as mesmas armas cá devandita enciclopedia en liña (mesmas armas e mesma feitura), dá acubillo arestora a arredor de 20.000 artigos.

O seu obxectivo é achegar desenvolvemento e máis acumulación de coñecemento cun obxectivo democratizador e non lucrativo. Asemade, o subministro de datos farase mediante un punto de vista descolonizador, en referencia á teima de Estados Unidos de levar á illa ao seu terreo, e nunca mellor dito. De feito, ao país norteamericano defíneo EcuRed como “o imperio da nosa época”. A web, que se abre ao lector baixo o epígrafe “Cuba é o único xeito de ser libre”, xorde da vontade de “crear e difundir o coñecemento con todos e para todos, dende Cuba e co mundo”.

O nome do proxecto fai referencia a varios significados que remiten á Ecúmene, que era como nos tempos antigos se denominaba á parte habitada da Terra, e hoxe conxunto do mundo e das culturas coñecidas.

PUBLICIDADE