Cuarta Porta pon a infografía en 3D ao alcance da man de autónomos e PEME

mércores, 8 de xuño do 2016 Redacción

Sen dúbida un dos futuros da mercadotecnia pasa pola infografía en 3D, unha tecnoloxía que posibilita a materialización de imaxes e animacións cunha calidade moi próxima á realidade da nosa contorna, mesmo indo alén dela. A infografía en 3D, que se pode aplicar para dar forma a calquera produto ou proxecto que teñamos en mente antes de que ese produto ou proxecto (arquitectura, enxeñaría, urbanismo, deseño industrial, xardinería, etc) sexa unha realidade palpábel, é un dos piares fundamentais da firma compostelá Cuarta Porta, que dun tempo a esta parte abriu interesantes camiños para que ideas de todo tipo (edificios, interiores, proxectos de urbanismo, produtos de mercado) poidan dar coa mellor das materializacións posíbeis. E tamén, coa mellor carreira comercial posíbel.
En palabras dos impulsores de Cuarta Porta, Víctor Vigo e Pablo Ces, “é o mellor método para amosar a un cliente un edificio que non está construído aínda, ou poder facer imaxes de construcións xa existentes, dende ángulos imposíbeis na realidade”. Un dos obxectivos desta firma compostelá, cuxos fundadores proveñen do ámbito audiovisual, é que as tecnoloxías de infografía en 3D estean ao alcance da man de todos os autónomos e empresas, por pequenas que estas sexan, esa é unha das razóns de ter fornecido unha ampla variedade de custes sobre proxectos, dependendo de cal sexa a envergadura do mesmo e da complexidade do modelo a achegar, etc.
En Cuarta Porta, ademais de cos devanditos clientes, traballan tamén dando forma a intervencións exteriores, industriais, oficinas ou despachos, sendo algúns dos principais usuarios dos seus servizos empresas de arquitectura, interiorismo ou decoración. Entre os principais clientes da firma compostelá atópanse empresas como por exemplo HRG, Augas Mondariz, Blusens, Cándido Hermida ou Augas Mestas. Tamén desenvolven importantes proxectos para concellos da nosa terra.

PUBLICIDADE