Cruz Vermella e o Centro Comercial Gran Vía botan man de CreAppcuentos

venres, 17 de outubro do 2014 Raquel Noya

A aplicación galega CreaAppcuentos, creada en 2003 polos nosos emprendedores Avelino Correa e Antonio Escudero, está a estender as súas pólas e raíces en múltiples escenarios. De feito, hai pouco falamos dunhas previsións de crecemento para 2014 que moi poucas firmas desenvolvedoras son quen de manexar: a idea este ano é chegar ás 100.000 descargas. Esta semana tivemos novidades sobre a proxección desta ferramenta, mergullada en pleno espallamento cara ao sector corporativo (logo de romper os límites do ámbito das aplicacións infantís). A idea é “facilitar a consecución de obxectivos de distintas entidades”. A estratexia de medre está a dar resultado. De feito, Cruz Vermella e o centro comercial Gran Vía de Vigo confiaron xa na aplicación para transmitir comunicación de seu.
Segundo nos contan os creadores de CreaAppcuentos, o chimpo ao mundo das empresas, as ONG e os centros comerciais ou culturais estase a facer empregando o mesmo motor de uso da propia aplicación para adaptala ás novas necesidades e esixencias. A idea é posibilitar que as entidades que aposten pola ferramenta poidan transmitir aos seus clientes, usuarios ou visitantes as súas mensaxes e “cumprir obxectivos dun xeito diferente ao habitual, máis ameno e divertido”, engaden os desenvolvedores da aplicación.
Un exemplo diso é a actividade que recentemente levouse a cabo co centro comercial Gran Vía de Vigo, na que se adaptaron fondos, obxectos e personaxes do centro para a realización dun obradoiro educativo. A adaptación foi desenvolvida por Víctor Ribas, habitual na creación dos deseños de CreAppcuentos. Cruz Vermella tamén contou coa iniciativa de Avelino Correa para a realización dunha campaña de sensibilización destinada a previr accidentes.
“No marco empresarial”, explica Correa, “as compañías públicas ou privadas, museos ou fundacións poden recorrer a CreAppcuentos para realizar demostracións de produto ou servizos, para transmitir mensaxes concretas, por exemplo, a importancia da reciclaxe, hábitos de consumo ou o correcto uso das redes sociais entre os máis novos, entre outros”. E engade: “A través da personalización de fondos, escenarios, obxectos e personaxes, podemos dispor dunha ferramenta en calquera sector”. Esta liña de acción continuará convivindo coa orixinaria de CreAppcuentos, que é a de “crear contos ou historias de maneira sinxela e intuitiva converténdonos en poucos pasos nos propios autores das aventuras”.

PUBLICIDADE