Cruz Vermella e R capacitaron dixitalmente a máis de 200 persoas maiores en Galicia

mércores, 21 de setembro do 2022 S. P.

A organización Cruz Vermella e a operadora R fixeron balance da súa actividade conxunta a prol da alfabetización dixital das persoas maiores, materializada a través do programa itinerante Enredando Tour R, desenvolvido no verán. Segundo fixeron saber, promoveron a capacitación tecnolóxica de máis de 200 persoas en Galicia, entre o 20 e o 29 de xullo. A xira percorreu 6 localidades das provincias de Lugo e Pontevedra, coa participación directa da operadora galega R e a colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
O 78,5% das persoas participantes nos obradoiros foron mulleres e a media de idade, de 75 anos. Dos asistentes ás formacións, un 41,7% manifestaron que o seu coñecemento dixital previo era baixo.
“Grazas a estes talleres, impartidos nunha contorna lúdica e agradábel por persoal especializado e voluntariado, logrouse que os maiores lle perdesen un pouco o medo ás novas tecnoloxías e que desenvolvan habilidades básicas para manexalas, aprender e avanzar”, sinalaron as dúas entidades, engadindo que en cada unha das 6 localidades (Lugo, Chantada e A Fonsagrada, na provincia de Lugo e Vigo, e Pontevedra e A Estrada, na de Pontevedra) instalouse a aula móbil de Cruz Vermella e R, cuxa finalidade era “enredar’ aos maiores no mundo dixital”; e para iso podían escoller, segundo os seus gustos e intereses, entre diferentes dispositivos: smartphone, tableta ou portátil. A actividade dirixiuse a persoas de 60 ou máis anos e a media de idade dos participantes foi de 73,5. Ao seu abeiro propuxéronse 4 menús/talleres para elixir, dedicados a abordar aplicacións e temáticas diferentes: navegar por Internet; utilizar o WhatsApp para comunicarse; facer xestións cotiás a través de Internet, co SERGAS, banca electrónica, compras online ou ben instalar/desinstalar aplicacións móbiles e coñecer Youtube Kids. Os contidos expostos tiveron moi boa aceptación e o 49,5% das persoas consideraron a formación de moita utilidade para a súa día a día.
En total, durante o Enredando Tour R de 2022 desenvolvéronse 18 horas de capacitación en competencias dixitais básicas e 397 obradoiros baseados nos menús formativos propostos.
Nesta segunda edición os menús enfocáronse a contidos dixitais no móbil e relacionados coa seguridade nas aplicacións e no seu manexo para apoderar ás persoas maiores, adaptándose todo o posíbel ás necesidades de cada asistente, ao seu nivel de coñecemento tecnolóxico e aos seus intereses dixitais.

PUBLICIDADE