Cruz Vermella da Coruña visita o CITIC

martes, 20 de febreiro do 2024 S. P.

O xoves 15 de febreiro o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu a visita de representantes de Cruz Vermella A Coruña para coñecer as principais liñas de investigación en materia de discapacidade e inclusión que se están levando a cabo no centro e estudar posíbeis vías futuras de colaboración.
Os asistentes Aránzazu Jiménez de Llano, directora provincial de Formación en Cruz Vermella na Coruña, Fernando Martínez e Lucía González, docentes no centro de Formación Profesional da entidade, reuníronse con Javier Pereira, subdirector do CITIC e responsábel do proxecto Talentos Inclusivos.
A sesión deu comezo no Demostrador Tecnolóxico, un espazo singular no que se expuxo a iniciativa Talentos Inclusivos, proxecto que ten por obxectivo fomentar as vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional e visibilizar os retos aos que se enfrontan as persoas con parálise cerebral no seu día a día.
Máis tarde, no laboratorio de impresión 3D, explicouse o funcionamento das impresoras de extrusión de plástico, resina e fusión de po. Unha vez na sala de Realidade Virtual, as persoas participantes probaron o supermercado virtual, un proxecto desenvolvido para favorecer a rehabilitación de persoas con discapacidade mediante o uso de escenarios permiten a realización de diversas actividades da vida cotiá.

PUBLICIDADE