Críticas a Orange polo trato ao galego no seu servizo de atención

venres, 30 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Hai operadoras que dan facilidades para establecer unha boa comunicación cos clientes e outras non tanto. O problema non é tanto que non che falen na túa lingua, aínda que tamén, o problema de verdade é cando aínda teñen algo máis que dicir. Esta actitude, segundo denuncian estes días A Mesa e o blog Carta Xeométrica, é a que está a amosar ultimamente a operadora Orange, que nunha conversa recente cun cliente da nosa terra, xustificou a non inclusión do galego no seu servizo de atención aos usuarios por tratarse dun “dialecto”.
Asemade, segundo se reflicte na web da Mesa a través dun rexistro da dita conversa, o traballador da operadora chegou ao punto de poñer a Deus do seu lado (deu por sentado que Deus só falaría unha lingua se tivese que traballar nun servizo como o que el ou ela desenvolve). A situación aínda é máis grave, informan dende A Mesa e na dita bitácora, se temos en conta que a firma Orange tense significado a favor da diversidade lingüística e da inclusión do galego nos seus servizos e aparellos. Tendo en conta a liña a seguir arestora, é moi probable que a estratexia da que dimos conta na nosa web, hai uns catro anos, fose o que comunmente se coñece como unha manobra de quedabéns.

PUBLICIDADE