Cristiano Ronaldo supera os 100 millóns de seareiros en Instagram

xoves, 4 de maio do 2017 Marcus Fernández

Cristiano Ronaldo agradecendo nunha Historia aos seus seareiros por superar a barreira dos 100 millóns en Instagram

A plataforma social na Rede de maior dinamismo e actividade ultimamente é, sen dúbida, Instagram, e en contraste co que acontece con outras plataformas como Twitter, nesta ocasión o dominio feminino é máis que notable, sendo a raíña indiscutible Selena Gómez, actriz e cantante con 119 millóns de seareiros, a quen seguirían en popularidade a tamén actriz e cantante Ariana Grande (con 104 millóns de seareiros) e as cantantes Taylor Swift e Beyoncé (ambas con 101 millóns de seareiros), resultando curioso que a seguinte celebridade norteamericana en número de seareiros sería Kim Kardashian con 99,2 millóns de seguidores, quen tería menos seareiros que o futbolista Cristiano Ronaldo, o que resulta sorprendente polo feito tanto de que sexa un home como de que sexa portugués (sería a única persoa non norteamericana no top 10 de Instagram).
Pero o feito de que Cristiano Ronaldo sexa o primeiro home en superar os 100 millóns de seareiros en Instagram si pode ser unha marca máis absoluta se temos en conta que as cantantes que tanta sona teñen en Instagram teñen un volume de seguidores moi inferior en Facebook, mentres que o futbolista está preto dos 121 millóns de seareiros na plataforma social de Mark Zuckerberg, ou sexa, que sería a primeira persoa en superar os 100 millóns de seguidores en Facebook e Instagram simultaneamente.

PUBLICIDADE