Crean un software que detecta os retoques realizados co Photoshop

mércores, 30 de novembro do 2011 Raquel Noya

Que sería das famosas e famosos “de portada” se non existiran os retoques do adorado Photoshop para quitarlle as imperfeccións?... pois que sairían nas fotografías tal e como son, con engurras onde as teñen, grans onde os teñen, pelo onde o teñen (ou sen el onde non o teñen), coa faciana branca se non están morenos e coas mesmas lorzas que locen durante todo o ano sen complexos grazas á posibilidade dos retoques fotográficos.
E é que, sen ánimo de esaxerar, o Photoshop na actualidade permite facer un amplísimo abano de retoques fotográficos que dan como resultado corpos perfectos, facianas de infarto e melenas dun coidado inimaxinable, que crean no lector unha falsa ilusión de beleza inalcanzable.
Porén isto ten os días contados grazas a dous investigadores do Dartmouth College de Hanover (EEUU) que veñen de desenvolver un programa informático que permite determinar se unha imaxe foi retocada dixitalmente, así como o grado de modificación que ten.
Para crear a ferramenta, os autores reuniron ata 468 pares de imaxes orixinais con cadansúas pezas retocadas (procedentes de numerosas fontes de Internet) e introducíronas nun modelo matemático que condensou as alteracións en oito parámetros xeométricos e fotométricos. A combinación destes dous factores nunha sola medida para cada par de fotos determinou o grado de modificación acadado en cada caso.
Asemade, coa finalidade de comparar o sistema coa percepción humana das diferenzas entre unha imaxe orixinal e outra retocada, os investigadores contaron coa axuda de 390 voluntarios, os que avaliaron cada par de fotografía nunha escala de 1 (moi similares) a 5 (moi diferentes).
Isto permitiu darlle validez ao sistema e, unha vez que este “aprendeu” a distinguir e valorar, foi quen de estimar o grao de retoque dixital nunha foto calquera e de revertilo para deixar ao descuberto a imaxe orixinal.
Grazas a este novo software, a típica frase ameazante de “voute deixar que non te vai recoñecer nin túa nai” volverá a ter o seu significado inicial.

PUBLICIDADE