Creada unha práctica guía virtual para non perder ningún acto do Día de Internet

martes, 15 de maio do 2012 Raquel Noya

Mapa de eventos que achega a web Diadeinternet.org para ollar os actos que se celebran en todo o mundo nesta data

Con motivo do Día Mundial de Internet, que terá lugar dentro de dous días, estanse a organizar centos de eventos en todo o mundo, que van dende accións solidarias, ata cursos formativos, pasando por conferencias, concertos ou mesmo concursos, dos que a web oficial en España, DíadeInternet.org, da detallada conta a través dunha orixinal guía en liña.
A ferramenta é realmente práctica e permítenos aos internautas atopar de xeito doado os eventos ou actividades que mellor se adaptan ás nosas necesidades, ben por proximidade xeográfica, pola entidade que os organiza, por temática, ou polo tipo de público ao que van dirixidos os actos a celebrar en todo o mundo.
Porén hai que recoñecer que, aínda que sería ideal poder desprazarnos ata o punto do planeta no que se celebre un evento interesante para nos, non é algo que estea a altura de tódolos petos (e menos nos tempos que corren) polo que tamén nisto pensaron os creadores da guía en liña e dedicáronlle un apartado especial ás actividades que se retransmiten en directo pola Rede, indicando unha breve descrición, a entidade que a organiza e a ligazón á que hai que acceder para participar.
Países de fala hispana como Arxentina, Bolivia, Colombia, Chile, Ecuador, México, Venezuela, Uruguai, Perú ou, como non, España, decidiron retransmitir algúns dos seus eventos por Internet (un total de 63), para facer partícipes a tódolos internautas que desexen conectarse dende os seus ordenadores en calquera punto do planeta.
Aquí en España destaca a apertura das portas do Centro Demostrador de Fontes Abertas de Albacete, BILIB, a todo o público, para que poidamos gozar das máis modernas infraestruturas tecnolóxicas destinadas á demostración de produtos, contidos e servizos TIC sobre plataformas de software libre.
Tamén destaca a celebración dunha feira-taller sobre ferramentas de utilidade para mellorar as vendas por Internet, que vai dirixido a comerciantes e persoal de servizos e que retransmite a vasca Inguralde dende a súa web.
Pola súa banda, dende Gaudalinfo.es, Innycia Granada vai transmitir en directo a xornada Innovación social e Internet, coa que pecha dúas semanas de intenso traballo, conversa e aprendizaxe conectado entre os proxectos de innovación social activos na Rede.
Outro evento que se retransmitirá en directo pola Rede o vindeiro 17 de maio é o Debate Plenario: #innovacion en Internet para o emprego e o emprendemento, que se celebra no Senado español, sede dos actos centrais do Día Mundial de Internet.
A participación cidadá canalizouse a través do Muro da #innovacion e de Twitter, canles nas que calquera persoa pode aportar unha reflexión ou proposta concreta, valorar as publicadas e animar o debater nas redes sociais. Ademais, todo isto dende calquera dispostivo e en calquera formato.
Xa no noso país, a única proposta achegada para participar en liña é a que vén da man de Peruchela, que a partir das 00:00 do 17 de maio, vai promover e difundir públicamente o baile tradicional galego, que non ten moito que ver co Día de Internet ou co Día da Sociedade da Información e as Comunicacións, pero certo é que cada un coa súa conexión fai o que lle pete.
Aos devanditos actos hai que engadirlle concursos de videoxogos, de deseño, de fotografía, de blogs, de trivial… así como descontos que distintas entidades ofrecen nesta web para que nos aproveitemos deles con motivo deste día tan sinalado no noso país.