Creactivity, o espazo maker de LaCaixa, chega en agosto a Rianxo

martes, 6 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

En verán a nosa terra énchese de oportunidade de lecer, propiamente dito, pero tamén de lecer científico e tecnolóxico. Nesta liña de achegar diversión creativa e enriquecedora á rapazada é onde se insire a xira Creactivity da Obra Social LaCaixa, que está percorrer os concellos da nosa xeografía cun amplo abano de actividades STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Este mes de agosto a iniciativa fai unha recalada en Rianxo, os días 19 e 20, logo das súas arribadas a Cedeira, Bueu, Mondoñedo ou Vilagarcía, entre outras localidades.
O horario da cita rianxeira será de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. Trátase dun espazo de experimentación e divulgación activa para nenas e nenos a partir de 7 anos onde se practica, en palabras da Obra Social LaCaixa e o Concello de Rianxo, “a arte de pensar coas mans, con elementos ideados para fomentar a creatividade, o espírito emprendedor, a cooperación e a reflexión”.
Baseado na metodoloxía de traballo e formación do deseño intelixente (Design Thinking), o espazo Creactivity busca que os participantes realicen creacións e construcións científicas ou tecnolóxicas, xa sexa de forma individual ou colectiva, que respondan os retos suxeridos ou aos seus propios desafíos a través da manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. O Creactivity inspírase no movemento Tinkering liderado polo Exploratorium de San Francisco.
O obxectivo último do Creactivity é “empoderar aos nenos e nenas para intervir no mundo que lles rodea”. Inspírase, tamén, no movemento mundial argalleiro: o movemento Maker, que defende un xeito colectivo de facer innovación, enxeños concretos que axuden a mellorar a nosa vida e a protexer o medio ambiente potenciando as moitas cualidades que todas as nenas e nenos levan dentro. Trátase da filosofía do “faino ti mesmo” levada ao extremo, en tecnoloxías e ciencia.

PUBLICIDADE