Crackean a conta de correo da candidata á vicepresidencia de EE.UU.

xoves, 18 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O currículo de Sarah Palin, gobernadora de Alasca e candidata á vicepresidencia da EE.UU., dará conta de formación e experiencia abondas para satisfacer a un eventual grupo de entrevistadores, pero alguén debería aconsellala para que non subliñe nin sinale os seus coñecementos sobre informática, redes ou seguridade. O caso é que Palin, presente os días pasados nos medios informativos de todo o mundo por non ter amosado moitas dúbidas ao asegurar que lle levaría ao seu país á guerra con Rusia se esta volve a invadir Xeorxia, vén de ser obxecto dun labor de crackeo en toda regra sobre a súa conta de correo electrónico.
Máis polo miúdo trátase dunha conta persoal aberta no servizo Yahoo!, á que os internautas involucrados na enleada posiblemente accederon a través de algo tan escasamente complexo dende o punto de vista tecnolóxico como adiviñar o contrasinal. De feito, e segundo conta Microsiervos facéndose eco dunha información achegada en Wired, os internautas non tiveron que someterse a intensivas sesións de estudo de probabilidades, tendo en conta que a seguridade informática non semella ser o forte da gobernadora.
O caso, unha vez máis, volve poñer en entredito a comenencia de usar contas en servizos alleos aos dos gobernos para levar a cabo tarefas de comunicación na rede máis ou menos oficiais (ao parecer, algúns dos correos filtrados si que eran oficiais).
Sexa como sexa, a conta de Palin xa foi suprimida, se cadra co obxecto de non botar máis leña ao lume, o que pode significar, á súa vez, un delito de destrución de probas. Pódese ver un relato exhaustivo dos acontecementos nesta web.

PUBLICIDADE