Covelo recupera a súa microtoponimia botando máis das TIC e das conversas directas coa veciñanza

xoves, 10 de marzo do 2022 S. P.

O concello pontevedrés de Covelo vén de comezar un proxecto para recuperar e pór en valor os seus topónimos. Trátase da iniciativa Covelo, parroquia a parroquia, unha proposta que botaba a andar o pasado ano coa edición do libro Barcia de Mera, notas de toponimia, historia e patrimonio, un traballo no que a Comunidade de Montes de Santa Mariña, en colaboración co historiador Alberte Reboreda, leva anos profundando.
Así, o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, explica que esta idea quere prolongarse no tempo e ir afondando na riqueza da toponimia de cada parroquia en colaboración cos distintos colectivos veciñais que queiran recuperar os nomes de barrios e lugares que conforman os 154 km do dito Concello. Na primeira edición foi da man da asociación Terra por Terra e nesta segunda da Comunidade de Montes de Santa Mariña.
Cómpre subliñar que para levar adiante este traballo de investigación botouse man das novas tecnoloxías, que permiten xeorrefenciar cada recuncho da parroquia de Santa Mariña ou do GPS submétrico. A veciñanza da parroquia conviviu con micros e cámaras xa que o proxecto amais de contemplar a publicación dun libro complétase coa edición de varios vídeos que serán difundidos en diferentes formatos e canles de comunicación. Parte importante deste proxecto foi o traballo de campo, entrevistas coa veciñanza e consultas ao arquivo histórico provincial e ao catastro rústico de 1952. Engadir que a equipa audiovisual está dirixida polo xornalista Barcia de Mera, Suso Iglesias, grava conversas entre a veciñanza e o artista e músico Tonhito de Poi.

PUBLICIDADE