Coruña Dixital mobilizou a creatividade local cunha chea de sesións divulgativas e obradoiros en 2017

mércores, 31 de xaneiro do 2018 Redacción

O Concello da Coruña (Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento) vén de facer reconto do acadado coa programación da segunda tempada de Coruña Dixital, que dende maio a novembro fortaleceu e ampliou o cometido inicial do programa: facilitar a expansión das distintas prácticas de cultura dixital que se dan na cidade e na súa contorna. Segundo lembra a organización, este ano fíxose fincapé na creación audiovisual coa posta en marcha do LAIC: Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación. O seu obxectivo foi potenciar o talento, facer comunidade e tirar proveito das posibilidades da Internet.
Entre as principais actividades desenvolvidas ao abeiro do LAIC atopouse a súa presentación a Casa dos Peixes (o 16 de xuño, contando coa participación dos principais colectivos de creación audiovisual e dixital da Coruña, como por exemplo Videolume ou Bricolabs) ou a convocatoria aberta para facer comunidade arredor do LAIC (o 26 de xuño, nunha xuntanza á que acudiron medio cento de persoas de diversos perfís: youtubers, cineastas, expertos en redes sociais e mercadotecnia, arquivos, etc). Asemade, o 13 de setembro presentouse de xeito oficial a programación do LAIC, nunha xuntanza arredor da innovación audiovisual na que estivo presente o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, coa asistencia de 40 persoas. Neste encontro presentouse a imaxe de marca propia do LAIC, e comezouse a difundir o cartel e mais o folleto coa programación por toda a cidade e polas redes sociais.
A programación do #LAIC desenvolveuse “de xeito intensivo”, en palabras do Concello, durante os meses de outubro e novembro en distintos espazos da cidade. Estas foron as nove sesións celebradas:
· Jorge Lama debullou o uso de licenzas libres na primeira actividade da programación #LAIC
· Unha tarde aprendendo a sacarlle o máximo partido a Youtube
· Supercine: o valor das comunidades para facer unha película
· Todo o que tes que saber para seres "legal" en Youtube
· A Coruña Rebelde: experimentamos coa memoria histórica da cidade
· Un encontro sobre as novas posibilidades de traballo no audiovisual en Internet
· Dos memes analóxicos aos microvídeos no Taller de Narrativas Populares Contemporáneas
· Pensando videoxogos coa xente de MOLAB
· As emocións dos participantes no taller de Lance Weiler estarán presentes no festival de Sundance
Fóra da programación do LAIC, Coruña Dixital estivo presente na organización de distintas actividades impulsadas por outras iniciativas na cidade, facilitando espazos ou apoiando en tarefas de produción e comunicación. Ao abeiro desta liña de actividade, realizáronse varias charlas sobre software libre ao abeiro dos GPUL Labs, estreouse a serie Peter Brandon no Teatro Rosalía (co apoio de Coruña Dixital), celebrouse o Noroeste Videocampo ou desenvolveuse o Hackatiño (onde seu deu forma a catro aplicacións para mellorar a mobilidade na Coruña.
Ademais, Coruña Dixital colaborou con outras actividades como o LabComSeaSons, un laboratorio de comunicación multimedia para o festival Sea Sons, que xurdiu do colectivo Videolume. A maiores, o programa viaxou até Pontevedra para participar na segunda edición do Tek-Fest, Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio, nunha mesa redonda sobre culturas de vangarda en Galicia, xunto con outras iniciativas e festivais como SinSal, WOS ou Carballo Interplay.
Outra das actividades foi o desenvolvemento do Kit de activación dixital, que se define como un punto de encontro e guía profesional web para poñer en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación e a innovación audiovisual, especialmente nas aulas de centros educativos e nos espazos socioculturais de proximidade.

PUBLICIDADE