Correos limitará o reparto de paquetes para garantir o servizo postal

martes, 17 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Os envíos a domicilio disparáronse durante a corentena, e para poder manter este tipo de servizo con seguridade e garantir o Servizo Postal Universal dende Correos anuncian que estes días só prestarán o servizo postal público, de xeito que as súas oficinas abrirán de 9:30 a 12:30 horas de luns a venres só co persoal imprescindible, gardando os protocolos indicados polas autoridades sanitarias e prestando só o servizo postal público.
De feito, a propia asistencia ás oficinas de Correos xa se reduciu enormemente nos últimos días, pasando das 300.000 persoas que acoden habitualmente ás 88.000 do día de onte que, segundo comentan, correspondían en moitos casos a servizos de necesidade como o envío de cartos mediante xiro postal.
Esta nova medida quere dicir que nos vindeiros días Correos limitará o reparto a cartas, tarxetas e Paquete Azul, ou sexa, que para evitar a saturación non se realizarán entregas de pedidos realizados en boa parte do comercio en liña internacional (como eBay ou AliExpress), que terán que agardar á normalización da situación (o que fará que os típicos pedidos realizados a tendas chinesas en liña cheguen aínda máis tarde do habitual).
Correos Express manterá a súa actividade con normalidade, como tamén continúan a operar as empresas de paquetería privadas, que estes días son de vital necesidade, xa que son case o único xeito de conseguir produtos fóra do sector da alimentación, e que poden resultar precisos.

PUBLICIDADE