Correos.es conecta aos nenos cos Reis Magos… vía e-mail

luns, 15 de decembro do 2008 Raquel Noya

Escribirlle a carta aos Reis Magos de Oriente cada Nadal é un costume san que, lonxe de perderse, tódolos nenos do mundo deberían ter e practicar con ilusión. Agora ben, os tempos cambian e é probable que tanto para a realeza como para os cativos e cativas as cartas tradicionais quedaran un tanto obsoletas e se decanten máis polo correo electrónico para seguir mantendo o contacto con eles e facer chegar a tempo os pedidos.
O responsables do servizo de Correos, sabedores da evolución dos medios de comunicación, veñen de instalar un servizo de e-mail na súa páxina web, a través do cal, os nenos e nenas que o desexen, poidan enviar os seus encargos por correo electrónico directamente a Oriente.
De xeito inmediato, os usuarios que envíen as súas mensaxes, reciben unha resposta electrónica confirmándolles que a súa carta está “lista para ser cursada ao destino” e ao cabo duns días reciben un agasallo nos seus fogares.
Antes de escribir a carta, os nenos e nenas que se decanten por Internet, teñen que buscar a oficina de correos en liña máis próxima a través dun divertido xogo de animación, movendo o rato cara a dereita ou cara a esquerda e manexando a un divertido personaxe escollido por eles mesmos. Polo camiño antes de dar coa devandita oficina (admito que tamén probei a buscala un anaquiño) os rapaces vanse atopando con divertidos personaxes que lles felicitan o Nadal, como un boneco de neve, e con distintos edificios adornados coas luces máis festeiras do ano; ao chegar á oficina, manteñen unha pequena conversa co dependente que lles pregunta se foron bos este ano; se a resposta é afirmativa os usuarios só terán que encher a carta e enviarlla directamente a Melchor, Gaspar ou Baltasar.
Para os nenos e nenas máis tradicionais, Correos habilitou, asemade, caixas de correo especiais para os Reis Magos en 50 capitais de provincia, entre as que se atopan as cidades de Santiago de Compostela, Ferrol e Vigo.

PUBLICIDADE