Corgos abre CIBER.gal salientando a aposta da Xunta pola especialización tecnolóxica de Galicia

xoves, 2 de novembro do 2023 Redacción

Durante a inauguración do III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou que o Goberno galego seguirá avanzando para consolidar a madurez dixital de Galicia e convertela nunha rexión especializada en tecnoloxía, salientando que neste proceso, a prevención e seguridade son dous elementos claves, xunto co coñecemento e a colaboración.
Nesta liña, recordou que a aposta da Xunta pola ciberseguridade foi clara desde o primeiro momento, coa sinatura de acordos de colaboración co CCN e co Incibe; coa posta en marcha do Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade da Información (CSIRT.gal); ou coa creación do nodo CIBER.gal.
Así mesmo, salientou que a Comunidade conta hoxe cunha estratexia galega de ciberseguridade; está construíndo en Ourense o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia; participa en proxectos como o RETECH e leva a cabo campañas de concienciación dirixidas á cidadanía nesta materia.
Ao longo da súa intervención, Miguel Corgos referiuse tamén a aprobación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial; a creación do nodo galicIA; e á inminente Lei galega de Planificación, Organización e Impulso da Intelixencia Artificial, que situará de novo á Comunidade como pioneira na actuación lexislativa, no ámbito rexional e da Administración pública.
O conselleiro concluíu asegurando que o Goberno galego, da man das tecnoloxías intelixentes, seguirá avanzado para proporcionar unha administración máis eficiente, máis personalizada e máis accesible, para configurar un territorio intelixente e conectado, e para dotar á cidadanía duns servizos públicos dixitais de calidade.

Foto de familia na inauguración do III Encontro Galegao de Ciberseguridade CIBER.gal

PUBLICIDADE