Coremain presenta este xoves diferentes ferramentas para a xestión de datos

luns, 11 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

A firma santiaguesa Coremain vai acoller este xoves 14 de xaneiro un encontro empresarial orientado a presentar na nosa terra algunhas das máis salientables propostas de HP, Intel e Vmware. O evento, que dará comezo ás 9.45 horas na sede que a firma galega ten no Polígono de Costa Vella en Compostela, centrarase sobre todo en avaliar polo miúdo as últimas novidades en virtualización das devanditas compañías. A idea é informar ás empresas galegas dos cambios que se están a dar (propiciados en boa medida pola innovación de firmas como as devanditas) no eido da xestión, o manexo e o control dos datos, procesos que nos tempos que corren están a derivar cara a estruturas compartidas e dinámicas, máis económicas e máis rendibles (informa Coremain).
O programa de actividades do evento deste xoves comeza cunha exposición das canles que HP propón para a redución de custes, en boa medida a través da plataforma HP BladeSystem. Máis tarde abordaranse cuestións como o cloud computing e avanzada a mañá está previsto un relatorio sobre almacenamento en contornos virtualizados.
Xa na recta final, Vmware presentará a ferramenta vSphere 4 (segundo sinala Coremain, o primeiro Cloud OS da industria) e arredor das 12.30 horas tratarase a fondo a cuestión do escritorio virtual.

PUBLICIDADE