Coremain mostra á rapazada como se traballa nunha empresa TIC
luns, 6 de maio do 2019
Coremain
é unha das empresas que participan no
plan Digitalent da axencia AMTEGA, dirixido a fomentar as xa de
por si importantes capacidades tecnolóxicas e científicas do noso
alumnado. En virtude disto, a empresa TIC con sede principal no
Polígono de Costa Vella de Santiago está a realizar actividades
para mostrar á rapazada como é o día a día dunha empresa de novas
tecnoloxías e que posibilidades se abren ao abeiro desta profesión,
chamada a impulsar a gran revolución económica do noso tempo. A
finais de abril, sen ir máis lonxe, Coremain recibiu os primeiros
estudantes inscritos en O Core das TIC, a proposta
desenvolvida pola empresa ao abeiro de Digitalent.
En
virtude desta actividade, un total de sete estudantes de bacharelato
do IES Brión (A Coruña) viviron “en primeira persoa” como é o
día a día nunha compañía TIC, coñecendo a organización e a
forma de traballar da empresa e experimentando de maneira práctica
os labores da profesión tecnóloga.
Por
unha banda, e no marco dos proxectos de automatización desenvolvidos
pola área BPO de Coremain, puideron coñecer o ciclo de vida dun
proxecto TIC, desde o seu inicio ao detectarse unha necesidade dun
servizo, até a formación do equipo e o acordo co cliente, a través
dun obradoiro práctico. Os alumnos, deste xeito, utilizaron algunhas
das tecnoloxías que aplica o equipo técnico de Coremain, executando
unha práctica de automatización xunto a algúns compañeiros do
equipo de I+D do proxecto.
En
materia de robótica, realizaron un exercicio dunha función en .NET
para a composición dunha calculadora, a través da cal puideron
coñecer a linguaxe utilizada no proxecto e a súa aplicación para
dar intelixencia aos robots.
Até
o mes de xuño a compañía compostelá proseguirá recibindo a
visita doutros estudantes galegos inscritos ao proxecto O Core das
TIC.