Coremain enumera as vantaxes dos equipos de ABALAR fronte a outras iniciativas da mesma índole

mércores, 1 de decembro do 2010 Redacción

O Proxecto ABALAR para o afianzamento das ferramentas dixitais na educación galega conta co fornecemento tecnolóxico da empresa galega Coremain, con sede en Santiago de Compostela, máis polo miúdo no Polígono de Costa Vella, onde desenvolven o seu labor máis de 400 profesionais dos novos recursos da información. A Consellería de Educación depositou a súa confianza nesta firma para conseguir, entre outros obxectivos, que a comunidade escolar de quinto de Primaria e primeiro da ESO (de centros dependentes da Xunta) poida traballar en clase con computadores portátiles. Segundo informou a consultora galega en comunicados recentes, “a adxudicación deste proxecto supón unha demostración das capacidades profesionais da firma, que, apoiándose na experiencia dos seus case 20 anos de traxectoria (e na dos seus máis de 400 profesionais), tivo que competir con grandes compañías internacionais para acadalo”.
A calidade da proposta presentada por Coremain está avalada pola alianza que a consultora ten con outras dúas grandes compañías TIC: Investrónica e Intel.
Coremain salienta que este proxecto é un dos máis avanzados dende o punto de vista tecnolóxico, de todos os realizados no eido estatal, dentro do proxecto Escuela 2.0 (proxecto do que xorde, coas súas diferenzas, ABALAR).
Para a compañía galega, entre os elementos claramente diferenciadores con respecto a outras iniciativas estatais inclúense as propias características dos ultraportátiles elixidos.
A iniciativa insírese dentro dunha estratexia da compañía a prol da modernización dos sistemas educativos en España, o que a levou en participar en proxectos semellantes en varias comunidades autónomas, achegando equipos informáticos ou sistemas de xestión e apoio a novos modelos educativos baseados no emprego das novas ferramentas.
Polo que atinxe aos 15.000 ultraportátiles subministrados para ABALAR, dende a compañía sinalan que entre aqueles recursos que marcan as diferenzas con respecto a outros proxectos de semellante índole atópase a pantalla multitáctil de alta resolución, que ademais permite o seu emprego como Tablet PC, o que permite que sexa usado como libro electrónico. O ultraportátil está deseñado para resistir golpes ou caídas, sendo ademais estanco ao vertido de líquidos. Máis en detalle trátase do modelo INVES NOOBI 10, “un equipo lixeiro e de tamaño reducido”, informa Coremain, “e cunha pantalla TFT LCD rotatoria que evita que os nenos teñan que forzar a vista ou adoptar posturas pouco axeitadas”. Ademais, incorpora un asa elástica que fai moito máis doado o seu transporte. Polo que atinxe ao software que inclúen estes equipos, dicir que dan acubillo a un sistema operativo Ubuntu 10.04 (software libre) e á lingua galega como opción por defecto. O emprego rendible dos equipos compleméntase coa posta en marcha da web espazoAbalar, posta en marcha pola Xunta o pasado 3 de novembro, dende a que se lle informa á comunidade escolar (incluídas as familias) das vantaxes e funcionalidades da dixitalización educativa, achegando a posibilidade de facer seguimentos académicos en liña ou establecer comunicación co profesorado, entre outras cousas.
A distribución masiva dos ultraportátiles achegados de Coremain comezou na recta final do pasado mes de outubro, logo de certos retrasos de aprovisionamento motivados por problemas na cadea de fabricación emprazada en China (problemas aos que contribuíu a creba do stock mundial da pantalla multitáctil, que é precisamente un dos elementos que distinguen aos ultraportátiles).
Lembrar que os obxectivos concretos de ABALAR, a curto e medio prazo, son os seguintes: levar equipamento informático a 14.500 escolares a longo destas semanas e converter en dixitais (ao longo deste curso) máis de 700 aulas de 300 centros educativos do noso país.

PUBLICIDADE