Coremain desenvolverá empresarialmente un proxecto innovador de base tecnolóxica promovido por universitarios

luns, 15 de outubro do 2007 Raquel Noya

Co obxectivo de apoiar ós universitarios que teñan un proxecto innovador, de base tecnolóxica, a empresa galega Coremain, vén de convocar o I concurso de Ideas Xurdir, para o cal se abre un proceso de selección de ideas, que desenbocará na creación dunha empresa constituída ó 50 por cento entre Coremain e o autor da idea gañadora.
O devandito concurso vai dirixido a estudantes universitarios de últimos curso de carreiras técnicas ou de primeiro ano de postgrao, que poderán presentar a súa idea a título individual ou colectivo.
As ideas, en tódolos casos, deberán ser de base tecnolóxica e orientadas a desenvolver solucións (produtos ou servizos) baseadas na aplicación das TICs e os gañadores terán a oportunidade única de abrirse paso no mercado laboral apadriñado por Coremain.
Coremain pretende que o concurso sirva para favorecer ideas innovadoras e comprometidas socialmente, que acheguen solucións de base tecnolóxica en catro ámbitos: no campo de aplicación da Lei de Dependencia (sistemas de protección de persoas dependentes, nenos, anciáns, enfermos crónicos, mulleres maltratadas, etc), no eido da protección medioambiental (sistemas de detección de emisións contaminantes, etc), en materia de seguridade informática e na xestión de procesos para os que actualmente non existen solucións no mercado.
Os universitarios teñen de prazo ata o vindeiro 14 de decembro para presentar os seus proxectos. O fallo do xurado, composto por profesionais de Coremain, será dado a coñecer o 15 de xaneiro. Os interesados en participar poden consultar as bases na web www.coremain.com e solicitar máis información por e-mail a xurdir@coremain.com. Os traballos deben ser enviados por correo postal, á sede de Coremain.

PUBLICIDADE