Coremain amosa a súa estratexia internacional no foro de empresas España México

venres, 20 de xuño do 2014 Redacción

Coremain, a compañía galega TIC que dirixe Luís Sestelo, foi elixida entre un selecto grupo de empresas estatais para amosar en detalle a súa experiencia de internacionalización en México, no marco do programa Made in Spain que emite Radio Exterior de España. Segundo informa o Clúster TIC de Galicia, a emisión deste especial enmarcouse no foro empresarial entre España e México, organizado polo Banco Popular con motivo da recente visita a España do presidente do país Norteamericano, Enrique Peña Nieto.
Co obxectivo de avaliar en detalle as relacións entre ambos países e as tendencias actuais do mercado, Made in Spain contou polo tanto coa presenza do director xeral de Coremain, Luis Sestelo, quen compartiu micrófono co director de Banca de Clientes do Banco Popular, Miguel Ángel Luna; o director rexional noroeste de Proméxico, organismo que depende do Goberno federal mexicano, Edmundo González; o presidente da firma mexicana BSD Enterprise, Arturo Cervantes; o presidente da empresa española Global Exchange, Isidoro Alanis. Durante o debate, engade o clúster galego, Cervantes, Alanis e Sestelo expuxeron os detalles de cadansúa experiencia de procura de novos mercados, un proceso que no caso da empresa galega “xurdiu dunha necesidade clara de apertura”. Pola súa parte, o representante de Proméxico salientou os valores engadidos que ten este país para atraer investimentos, “non só pola súa posición xeográfica privilexiada próxima ao mercado de EEUU e como porta ao Latinoamericano, senón tamén polo seu crecente mercado doméstico, os tratados de libre comercio e a estabilidade económica da que goza”.

PUBLICIDADE