Corel convoca unha nova edición do seu concurso de deseño

venres, 30 de maio do 2008 Raquel Noya

O corelclub.org, en colaboración coa Corel Corporation vén de convocar o Concurso Internacional de Deseño con software de Corel 2008, un evento dirixido aos deseñadores e profesionais que empregan esta ferramenta e que ten como premio un lote de programas da devandita firma valorado en 1.200 euros.
As categorías de participación son tres: Deseño gráfico, Debuxo técnico/Deseño industrial e Arte ou ilustración dixital creado con CorelDRAW, Corel Photopaint ou Corel Painter.
O concurso non establece límite de idade nin de nacionalidade e permite a participación de tódolos usuarios de software de Corel sempre e cando se fagan socios do seu Club totalmente de balde.
Os deseños serán enviados por correo electrónico á dirección concurso@corelclub.org antes do vindeiro 31 de xullo de 2008, acompañados da súa correspondente ficha de inscrición.
Os traballos presentados ó concurso que resulten gañadores ou finalistas serán incluídos no capítulo Galería do libro CorelDRAW4 Proxectos Prácticos da colección Deseño e Creatividade da editorial Anaya Multimedia, algo que sen dúbida será unha excelente oportunidade para darse a coñecer neste “gremio”.
Os interesados poden recibir máis información sobre os premios e a bases do concurso na páxina oficial do evento.

PUBLICIDADE