Corea do Sur prohibe o monopolio de métodos de pagamento nas tendas de aplicacións

martes, 31 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Levamos uns anos agardando a que as autoridades tomen medidas contra as prácticas actuais de tendas de aplicacións móbiles como a de Apple, que actualmente está sometida a procesos xudiciais nos EE.UU. (un deles pretenden pechalo cun acordo) e a varias investigacións da Comisión Europea, pero curiosamente é Corea do Sur o país que antes toma medidas sobre o asunto, e fano directamente aprobando unha lei que impide o monopolio de métodos de pagamento nas tendas de aplicacións (principalmente de Google e Apple) e tamén prohibe que os operadores adíen de xeito pouco razoable a aprobación de aplicacións e o seu borrado. As compañías que non cumpran coa nova lei terían que pagar até o 3% dos seus ingresos no mercado surcoreano.
Resulta curioso que, aínda que a tenda de aplicacións que está considerada como a que máis abusa das súas prácticas é a de Apple, a lei coreana alcúmase como «a lei de prevención do abuso de poder de Google» polos medios de comunicación coreanos.
A lexislación surcoreana prohibiría que as compras dentro das aplicacións tivesen que realizarse en exclusiva a través da plataforma de pagamento dos xigantes tecnolóxicos (que cobran unha importante comisión polas operacións que en moitos casos non supoñen esforzo técnico algún, como na renovación de subscricións), e todo apunta a que tanto en EE.UU. como en Europa vaian aprobarse medidas semellantes nos vindeiros meses, procesos que poderían acelerarse agora que xa hai un mercado tan importante como o surcoreano que adopta medidas efectivas contra un modelo de negocio que principalmente beneficia a Google e a Apple en lugar de aos creadores dos produtos e servizos comercializados.

PUBLICIDADE